No cenario de «Mazurca para dous mortos»

Manuel Estévez

OURENSE

Procurei a paz sosegada ás portas dos Mesós do Reino e os ollos postos nas liñas escritas polo Nobel de Iria Flavia, inspiradas no enclave familiar de Camilo, que xa foron traducidas ao inglés, francés, alemán, italiano, ruso, chinés e ata quince linguas. Atrás ficara a ponte pétrea sobre o río troiteiro, o grafito convidando a drogas e un colchón debaixo doutra sobreponte da estrada N-525, as pegadas na cima da frouma e da follada, a arpa do Arenteiro e as voces da paxarada no corazón.

Telas tépedas de verdín nos altos muros, amparando as barudas carballeiras e os raios do sol, filtrándose entre a frondosidade ata bater na ferraxe.

Pechei as follas de Mazurca para dous mortos, ficando abraiado polo espectáculo antinatural a miña beira. Inmundicias e residuos volcados dende os murallóns, sen escrúpulos da veciñanza. Dende farrapos multicolores a carrocerías, pasando por correaxes, armarios, aspiradores, barras florescentes, caixas, garrafas, cadeiras, sofás, vidros, azulexos, ladrillos, bolsas plásticas ou condóns.

A sinal de identidade do pobo no fondal do penedío.

Abeirando o valado, baixaba un can sen dono e a cabeza do que escrebe a deixadez de funcións do Concello, Deputación ou da Xunta a hora de exercer as potestades que a lei otorga para o control de atrocidades que devoran o medio ambiente e a perdida da biodiversidade en Piñor de Cea.