«Cóidome máis ca nunca en homenaxe ó meu doador»

La Voz

OURENSE

José Luis Cambeses suma os anos a partir dos 52. Hoxe ten 59 grazas ós 7 que empezou a contar dende o trasplante ó que se someteu para evitar os efectos demoledores dunha hemocromatose.

-¿Como foi ese proceso?

-Facíanme transfusións de sangue varias veces ó ano; despois foron cada mes e despois, cada quince días. Dende que me meteron na lista para o trasplante ata a operación pasaron sete meses; os tres últimos paseino moi mal, non razonaba, andaba coma un zombi por aí, só quería dormir, non sabía o que facía, comía coas mans... non era persoa, estaba por estar.

-¿Que cambiou o trasplante?

-Chamáronme ás 3 da mañá do 6 de novembro do 2004 e operáronme ese mesmo día. Saiu todo perfecto. Ós 14 días xa andaba pola rúa. Foi unha segunda oportunidade de vivir.

-¿Que sabe do seu doador?

-Sei que era xove, galego, e que morreu dunha trombose; doou todos os órganos. Gustaríame coñecer á familia, pero non pode ser. Sempre o teño presente e penso nesa familia, que debe estar moi orgullosa sabendo que ten alguén na vida, que somos varios irmáns, que non nos coñecemos, pero somos irmáns polos seus órganos. Eu tiña pensado facer unha historia do que foi a miña vida despois do trasplante, téñolle o título, pero despois emociónome moito.

-¿Cal é a mensaxe?

-Unha frase que me dixo o médico despois da operación: a mellor cousa que lle podes facer é respetar o órgano como a el lle gustaría que o respetasen. Eu procuro coidalo máis que coidaba antes o meu corpo; cóidome máis ca nunca en homenaxe ó meu doador e cada aniversario do meu trasplante teño unha misa por todos os doadores falecidos.