Xinzo de Limia está que arde

Xosé Lois Carreira

OURENSE

Isto de ser limián estase a converter en mistura de parque temático e deporte de risco. Pode que só sexa unha sensación froito da rutina de pasar de puntillas entre ós desempenados palafitos sen mollar nin ós calcaños ou de levar unha curdiana como un pito en caída libre desde o novo porto náutico navegable ata o embalse das Conchas. O caso é que Baltar e Chavilleiro, aínda non satisfeitos coa lotaría da ubicación na Limia da incineradora das 800.000 toneladas de lixo ó ano, despois de emendar semellante tolada ante a presión veciñal recuando ata o de que polo de agora non hai nada aínda que incuestionablemente será na provincia, e trala última ocorrencia que tanta corda deu no Entroido como o do porto náutico dun futurista río Limia navegable que sofre literalmente seco o rigor dos catro meses máis quentes do ano, veñen agora para rematala co da fraude no censo electoral. Segundo parece están tan afeitos a esta práctica, elle tan boa e rendible, que mesmo nos queren aforrar ó traballo da escolla do novo alcalde de Xinzo, xa se encargará xente de Ourense de facelo por nós, nomeadamente exdelegados da Xunta.

A cousa débelle pintar bastante mal, en Xinzo e Ourense, cando non só recorren a estas mañas ilegais de inflar os censos, senón por facelo de maneira tan tramposa e chapuceira, sen dúbida a súa forma propia de gobernar. Con todo, hoxe en Xinzo non se fala doutra cousa, iso de que despertes unha mañá e topes na túa habitación a cinco máis da conta que non coñeces de nada non acaba de sentar moi ben. Que sexa o alcalde quen o faga remata por mosquear un pouco ata ós límicos, e que se pretenda que sexa xente de afora, que non vive nin pisa Xinzo para nada, nin sequera para investir no porto náutico, tome unha das poucas e máis importantes decisións que temos como é a escolla dun alcalde entón chega o punto no que Xinzo está que arde por moitas molladuras no Limia que levaramos.