A Editorial Galaxia trae de novo á actualidade unha das obras máis recoñecidas da escritora ourensana Chus Pato. Fascinio, que foi publicada inicialmente por Toxosoutos no ano 1995, chega agora ás librerías dentro da colección Dombate, de Galaxia.
No último boletín de novidades da editorial inclúese, no apartado adicado á poesía, unha «Conversa con Chus Pato» na que a autora amosa as súas opinión sobre a poesía -«o poema non só se escribe en verso»-, sobre os seus traballos recentes -entre eles a novela Secesións, que tamén editou Galaxia-, sobre a literatura para os tempos de crise -«na miña opinión o estado de crise é permanente, ocorre que de cando en vez os sistemas precisan reorganizarse»- e outros aspectos. En resposta ao que se poden atopar os lectores que se acheguen a Fascinio, Chus Pato considera que a obra é «o traballo dunha autora que trata de serlle fiel a esa vida ardida e á vida póstuma desa sensibilidade, dese sentido cargado de tempo e enerxía, da súa estética».
No Otero Pedrayo o día 18
Dentro das actividades programadas pola Editorial Toxosoutos está prevista a presenza da escritora ourensá nun acto a desenvolver o día 18 no IES Otero Pedrayo.