Cifras e letras

Víctor Vázquez Gulías

OURENSE

Que estamos en crise xa o sabemos case todos, digo case todos, porque os ex presidentes de España cobran aínda a maiores dos seus traballos unha pequena suma anual arredor dos 80.000 euros, case nada, se non fose que no Estado xa son máis de 4 millóns de parados. E os que aínda seguimos en activo, abraiámonos de moitas cifras que día a día saen nos medios de comunicación, e que tamén nos enchen de innumerables dúbidas. Vouvos poñer algúns exemplos recentes: «O paro volve alcanzar máximos históricos na provincia de Ourense con 27.763 inscritos (1.283 mais que no mes anterior)». «A suspensión do entroido pillou por sorpresa aos veciños de Boborás, que critican esta medida cando se destinan a persoal 355.782 euros no presuposto do 2010». «Esperanza Aguirre percorrerá 14.500 quilómetros durante a campaña, e visitará Lugo e Pontevedra». «Gas Natural Fenosa vende 300.000 puntos de Gas por 450 millóns de euros en Madrid». «A subida dun 9,8 % da tarifa eléctrica obriga aos concellos da provincia a tomar medidas nos alumeados públicos». «O pasado mes de Decembro a Xunta suprimiu o orzamento do Noitebús, con case 200 liñas de autocares en toda Galicia, que no 2010 foron utilizadas por mais de 400.000 rapaces». «O Real Madrid é o club de fútbol mais rico do mundo cunha facturación de 438,6 millóns de euros (so 72.977 millóns de pesetas)». Sexan agora vostedes xuíces destas cifras e letras.