Se hai certezas que se van facendo corpo co paso dos anos unha delas é que o papel dos políticos caeu no máis grande dos esperpentos, con momentos de grandeza que están no límite entre o ridículo e a falta total de dignidade. E todo por mor da alternancia política e da representación institucional. En base á mesma hai partidos e políticos que padecen esquizofrenia e defenden unha cousa nun foro -poñamos de xeito hipotético un concello- e a contraria noutro -tamén a xeito de hipótese poñamos unha Deputación, Parlamento, Congreso ou o que sexa-. E isto moitas veces vai parello ao imperativo categórico de poñer a feder ao inimigo, enténdase político, en todo momento e situación. E así pasa o que pasa. E algúns representan o papel que representan.
A CIG fixo pública hai uns días unha sentenza que criticaba á Deputación de Ourense por ceder traballadores a outra institución. Se a Xustiza diu o seu veredicto non hai máis que falar.
Ao día seguinte saiu o portavoz do PSOE na Deputación acusando a Baltar de facer diso unha práctica habitual e que «as cesións ilegais de traballadores fanse a concellos onde goberna o Partido Popular». E quedou tan cheo.
Iso é falso, absoluta e totalmente falso, e o portavoz do PSOE na Deputación mentiu por ignorancia, descoñecemento ou por mirar para o outro lado para que nada lle fastidiase uns minutos de gloria nos medios de comunicación. A Deputación pagou durante máis de 10 anos, e non sei se o sigue pagando ou é funcionario local neste momento, a unha persoa que traballaba no Concello do Carballiño como axente de turismo cando gobernaba Pachi Vázquez e tamén durante o mandato socialista, e co mesmo alcalde, estivo traballando o daquela interventor da Deputación mentras o Concello carballiñés non cubría a praza. Ao mellor esa realidade ao portavoz do PSOE non lle interesa coñecela.