As dietas de Xinzo

Xosé Lois Carreira

OURENSE

Conta Jon Bilbao no seu último libro titulado Bajo el influjo del cometa que toda obra humana sempre é mellorable, que sempre toparemos un peixe máis grande e que sempre virá quen faga santo o mesmo demo por vello raposo que sexa. Conta o autor neste moi recomendable ensaio que tomar consciencia destas vanas cuestións é toda unha vitoria persoal, non unha gran xesta épica máis si unha cheda importante nesa longa escaleira existencial na que nos topamos, subindo unhas veces, baixando outras moitas, e feita a podrido da conquista de cada un dos seus escarpados escalóns, pequenas vitorias parciais gañadas ó pulso da vida.

A pasada semana Xinzo tomou consciencia do que é saborear esas pequenas vitorias parciais, esas pequenas conquistas, ese xeito diferente de mirar pola xente que normalmente só se daba na casa propia e que toda vez que se estableceu este vínculo, toda vez que fomos aprendidos a mirar así, xa non hai volta atrás.

O caso é que o portavoz municipal do BNG, alcumado xa na vila como Amador o salvador, sacou adiante contra todo prognóstico unha moción de urxencia que dun plumazo suprime 80.000 euros destinados ó pago das dietas pola asistencia dos cargos electos ós órganos de goberno, ademais da supresión de inxustificadas adicacións exclusivas, determinadas duplicidades, a conxelación da nova contratación de persoal municipal eventual, e todo ilo como alternativa financeira de aforro para evitar unha nova suba do I.B.I. que o desencaixado neoalcalde ameaza con sacar adiante como sexa.

Foi toda unha vitoria parcial nesa escada a prol do interese xeral da xente onde non vale seguir na esquizofrénica espiral recadadora das taxas se primeiro non se tapan os buratos sen fondo camiño dos cinco millóns de euros de débeda sen saber en que se levan gastado e demostrando que a pouca vontade que se poña non é difícil facelo un chisco mellor.