«Pode dar a impresión de que o concurso está amañado pero non é certo. É o goberno o que decide»

Miguel Ascón Belver
Miguel Ascón OURENSE/LA VOZ.

OURENSE

Carballido di que a Dirección Xeral que agora asume é un posto «de carácter transitorio» e que dará continuidade ao feito polo seu predecesor. Á xestión deste so ponlle un pero: «O defecto que eu vexo e que non somos capaces de que o traballo se visualice. É importantísimo que a xente de Ourense se sinta orgullosa do noso patrimonio termal». El defende o seu nomeamento:

-Coa lei de grandes cidades ás veces hai dúbidas sobre cal sería o procedemento ideal e aquí optouse por facer un concurso como podía haberse optado por outra vía. Foi un proceso regrado, con publicidade e cun prazo para puideran concursar todas as persoas que tiveran interese. Como é un cargo de confianza do goberno, o goberno decide despois cal é a persoa idónea. Pode dar a impresión de que está amañado, pero non é certo.

-Xa se falou de que sería o nomeado cando nin sequera había concurso convocado.

-Ó principio o que se sabía era que eu me ía presentar. A decisión a tomamos despois dunha serie de conversas e decidiuse que eu optara a esa praza. Dá a impresión de que se crea unha praza a medida para min pero non é así. Eu teño o meu traballo e pedín uns servizos especiais para isto. O que pasa é que o proceso de concurso e despista un pouquiño.

-¿Que experiencia ten no sector que o avale?

-Eu non sei o que valoraron para nomearme. O que se pedía era experiencia na xestión no sector público ou privado e eu aportei o feito de ter sido director xeral nunha Consellería e concelleiro en dúas lexislaturas. Fun tamén conselleiro delegado ou vogal de varias sociedades anónimas. É certo que non acredito experiencia no que é estritamente turismo e termalismo, pero son os técnicos os que deben tela e polo que sei son moi capacitados. O que se buscaba era un director para ese equipo. O ministro de Sanidade non ten por que ser médico, por exemplo.

-¿Que opina de que Isabel Pérez apoie o seu nomeamento despois de terse enfrontado na candidatura do BNG?

-Son cuestións totalmente distintas. No BNG houbo un proceso interno para elixir cabeza de lista e agora todos traballaremos xuntos para que Isabel poida ser alcaldesa. Ademais, para esta praza foi o BNG o que decidiu que eu me presentara. Non se cuestionou o que pasou antes.