Disfruta do silencio

Fernando Dacosta

OURENSE

14 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Enjoy the silence (Disfruta do silencio) é o título da canción dun dos grupos favoritos de Suso, Depeche Mode, ese que lle facía poñer ollos de meniño traveso cando dicía orgulloso que el os vira en Valladolid, coa súa irmá e o seu cuñado. Esa melodía está soando desde onte. Porque Suso non está, e como se di ao final de Hamlet , o resto é silencio. Disfrutabas con el en silencio cando abría un bo viño australiano, coa variedade cabernet sauvignon , cando acababa de soltar unha ironía heavy , cando amosaba unha maqueta deliciosa do novo proxecto escenográfico, cando traía unha proxección feita con Diego, cando conseguía un cambio de luces único e sensible (un deses que lle facía ter unha estraña decoración a base de premios María Casares), cando miraba, porque como miraba o noso enfant terrible .

Suso era Hannibal do Equipo A , a raíña Sofía nas viaxes coa Aula de Teatro, O súper, o boss técnico, o cumpridor perfeccionista e testán. Era un técnico perfecto, un escenógrafo grandioso, un iluminador emocionante, un deseñador gráfico contundente, un profe , un actor cunha presenza magnífica.

A túa familia, o teu pai, irmáns, cuñados e eses sobriños e afillados que facían que medrases varios centímetros cando falabas deles... Os teus amigos (teño que citar a Araceli e Diego, pero tantos outros) e amantes... Os teus colegas técnicos de tantas montaxes e de tantos teatros... Os ferreiros das escenografías e os traballadores das imprentas... Os teus compañeiros da alma, compañeiros, amigos, confidentes, de Sarabela Teatro... Debemos aprenden a disfrutar do silencio sen ti... Pero é moi difícil, Suso, Su.