«Este centro debería ter máis publicidade»

Mar Gil OURENSE/LA VOZ.

OURENSE

No inicio da súa etapa como responsable, Vázquez quere dar a coñecer unhas instalacións con múltiples funcións

17 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

María Teresa Vázquez Roddríguez (A peroxa, 1960) acaba de incorporarse como directora á residencia xuvenil Florentino López Cuevillas, unha das tres que existen en Galicia.

-Traballa vostede nunhas instalacións extraordinarias: en pleno centro, cun xardín interior, nun edificio histórico...

-Isto debería ter máis publicidade, máis divulgación; eu vexo o número de solicitudes e debería ser maior porque os prezos e as condicións da residencia son bos. Normalmente cúbrense as 50 prazas e queda lista de espera, pero debería haber moitas máis solicitudes para que, realmente, a xente que a necesite a use porque, se hai poucas solicitudes, poden beneficiarse persoas con rendas altas. A oferta é interesante, moi interesante, aloxamento completo, boa ubicación, boas instalacións...

-Entendo que divulgar o centro vai ser unha prioridade para vostede.

-Si, dinamizalo, que sexa coñecido en ámbitos escolares para que a demanda sexa maior e tamén traballar para que a estancia dos que viven aquí sexa o máis grata posible e solucionar os problemas que xurdan no día a día. Pero para min o importante é que somos un grupo de traballo; hai xente que leva aquí 30 anos.

-¿Serán precisas reformas?

-Non, ten unhas instalacións boas de calefacción e aire acondicionado, hai fiestras novas, está recentemente pintado... Temos unha petición de poñer portas automáticas nunha parte do patio, iso estamos mirando, pero fixeron unha reforma integral do centro e quedou ben.

-¿Como está sendo a demanda deste ano?

-Agora mesmo estamos coa selección dos residentes e bolseiros; este ano houbo 60 peticións e, aínda que hai só 50 prazas, posiblemente entrarán todos porque sempre hai algúns que renuncian porque lle dan praza noutra universidade.

-¿Son os universitarios os principais usuarios da residencia?

-Temos universitarios, persoas que fan algún máster, de ciclos formativos tamén hai bastantes... Hai de todo. A condición é que sexan estudantes menores de 30 anos; cada residente paga 263 euros cada mes por todo completo e hai 5 prazas para bolseiros, que non pagan nada. Estas persoas considéranse colaboradoras do centro a fan aportacións na biblioteca ou en actividades deportivas ou de información; na súa solicitude teñen que presentar unha proposta de actividades.

-Comparten vostedes edificio co colexio de primaria das Mercedes, ¿como é a convivencia?

-O colexio está nunha das alas do edificio que dá ao xardín. Por un acordo coa asociación de nais e pais, que xestiona o comedor do colexio, 50 nenos utilizan durante o curso as instalacións do noso comedor. A residencia Florentino Cuevillas cédelles o uso do comedor e da cociña e eles poñen o persoal. É unha maneira de rendibilizar as instalacións públicas.

-Algo similar sucede no verán.

-En xullo e en agosto a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado usa o centro para as rutas Coñece Galicia; este ano tivemos tres grupos de descendentes de emigrantes vivindo aquí. Agora temos un campo de traballo de carácter social e durante todo o mes de agosto funcionamos como albergue internacional, para calquera que teña carné de alberguista e sen límite de idade, aínda que con diferentes prezos.