O corpo de bombeiros de Ourense tivo durante anos a tres irmáns Álvarez Navaza e agora traballa no servicio o fillo dun daqueles veteranos
08 ago 2010 . Actualizado a las 02:43 h.De neno foi moitas veces Eladio Álvarez ata o parque de bombeiros de Ourense, entón na praza das Mercedes, para levarlle o xantar a seu pai, Manuel Álvarez (Amoeiro, 1932). Por alí tamén andaba daquela o seu tío Elías, que rematou a súa carreira como sarxento, e alí chegou a coincidir Eladio con outro tío carnal, irmán do seu pai, Sergio, agora tamén xubilado. Presenza constante, pois, a desta familia durante varias décadas neste servicio municipal de Ourense. Resulta por iso chamativo que despois de que tres irmáns coincidiran no corpo de bombeiros de Ourense, con un cuarto xa falecido (Eladino) na policía municipal, só un membro da mesma familia decidira continuar coa tradición. E aí segue, sen perspectivas de renovación.
Eladio, de todas maneiras, retrasou a súa incorporación ao posto. Tiña clara a súa vocación, pero no foi ata o ano 2000 que se materializou. Tivo responsabilidades noutra empresa, en Suiza, pero a terra e o oficio tiraban, preparouse, superou as probas, incorporouse e aí está.
Tradición familiar
«A verdade é que nalgún momento parecía que se ía perder a tradición familiar, entre outras cousas porque o resto dos fillos decidieron seguir outro camiño, pero ao final non foi así». Manuel, que se xubilou en 1996, cando Eladio xa tiña na cabeza prepararse para opositar ao posto, viviu os grandes cambios nun servicio máis profesionalizado e preparado ca nunca, con medios e recursos como hai décadas nin podía imaxinar.
«Mollar panos en vinagre e agua. Cando había fume, e había que entrar nunha casa, ou nalgún outro sitio, era o que había. Tapar e boca, e procurar aguantar a respiración», lembra Manuel. «Todo fai falla. De cantos máis medios se dispoña, máis eficaz vai ser a intervención», di o veterano ex bombeiro, que non deixa de insistir en que «esta é unha profesión de risco, e iso é algo que ten que asumir e ter moi claro calquera persoa que traballe aquí, ou que nalgún momento pense en adicarse a esta actividade: calquera saída do parque, para atender unha chamada, comporta risco».
Eladio asinte. Pai e fillo comparten impresións. Cantas veces non terán falado de traballo, lumes e accidentes nas reunións de familia.
«Eu penso que antes era diferente. Os compañeiros eran como a familia dun. Agora, aínda que mantemos unhas moi boas relacións entre os compañeiros, imprescindibles nun traballo como este, no que a túa vida depende moitas veces da persoa que está contigo, non vexo tanta intensidade como naquela época que coñecín de neno, en tantas e tantas horas no vello parque das Mercedes», indica Eladio, que lembra perfectamente a inevitable admiración coa que un rapaz de dez anos, como era el, vía a seu pai, e aos seus tíos. «A min paréceme normal que eu quixera seguir os seus pasos», apunta.
Melloras
A preparación persoal no aspecto físico é outro aspecto no que pai e fillo ven diferenzas entre onte e hoxe. «Agora é moito maior a conciencia de que é preciso estar na mellor forma física. Exercicio e mesmo cuidados coa alimentación son aspectos que hoxe en día se teñen moito máis en conta. De xeito moi acertado, sen dúbida», recalca Manuel, que ve o vello Renault como parte da súa vida.
Manuel viviu, por outro lado, o reforzamento do cado de persoal dende o grupo de catorce persoas que atopou cando se estrenou, o día 1 de novembro de 1957. A chegada de dezasete persoas no ano 1983 deu un primeiro pulo ao servizo, para adaptarse ás necesitades reais dunha cidade que non só medrara nas últimas décadas senón que máis veces das desexables tiñan que levar auga e botar unha man en concellos limítrofes. Logo viñeron máis incorporacións e agora mesmo son 58 as persoas que forman o equipo de bombeiros de Ourense, logo de que nos últimos anos se foran producindo xubilacións e incorporacións como en calquera colectivo profesional.