A riqueza arquitectónica, malia as súas dificultades estruturais, remarca o carácter intelectual
08 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Non debería ser difícil aprender, aínda que só sexa por contaxio, no instituto Otero Pedrayo. Literatura, ciencia, política, arte e historia atoparon no edificio que se ergue a carón do Xardín o escenario perfecto para escribir, dende 1896, páxinas cheas de ourensanismo e de universalismo. Polas súas aulas pasaron nomes propios que fixeron historia e nesas mesmas aulas que pisaron Marcelo Macías e Ramón Otero Pedrayo estarán hoxe os docentes de toda España que participan nas «IV Jornadas de institutos históricos españoles».
O do Posío é o único instituto histórico da provincia e un dos cinco de Galicia. Sobre o seu vencello coa Xeración Nós disertará, na recepción que terá lugar no paraninfo, o profesor Alfonso Vázquez-Monxardín. A continuación, a delegación estatal percorrerá os espazos nos que se formaron ou deron formación gran parte da intelectualidade e o corpus político e científico ourensán. A lista é longa e inclúe nomes que o actual director, Luis Fernández, vai lembrando nun despacho indudibablemente histórico: Alonso Montero, Valente, García-Mañá, Alfredo Conde, Fernando Dacosta, Elena Espinosa, Carlos Casares... Son só algúns dos máis coñecidos.
É imposible abstraerse da historia nun edificio que rematou a súa construción en 1896. Un edificio que sufriu un incendio demoledor en 1927, que acolleu durante décadas varias institucións educativas e que en 1976 recibiu o nome do patriarca Otero, o que de neno foi alumno alí, despois profesor represaliado e máis tarde, director.
Como calquera dos case 900 alumnos, 77 profesores e 15 traballadores non docentes que hoxe gozan -e padecen- a esencia do vello instituto, Otero moveuse por un centro con aulas de 5 metros de altura, lámpadas e artesonados artísticos, unha sala árabe como claustro, corredores porticados, unha biblioteca con pezas do século XVI, un laboratorio de ciencias con sabor ao XIX e un faiado onde é imposible non imaxinar. Alí consérvanse os santos da vella capela, os inservíbeis papeis de pagos ao estado, boletíns oficiais de todo o século XX, a maquinaria dormida do vello reloxio e o acceso ao tamén fenecido observatorio meteorolóxico.
Entre tanta memoria, a actualidade escríbese co son de fondo dos ordenadores. As aulas, as vellas aulas altísimas, dispoñen de ordenadores, proxectores, altofalantes e, nalgúns casos, pizarras electrónicas. Son o contrapunto ás vitrinas repletas de tecnoloxía do século XIX, aos mapas de principios do XX, ao museo pedagóxico de pupitres de madeira, pizarríns e ábacos e ao manómetro metálico tipo Bourdon adquirido en 1859 e que hoxe se exhibe, entre outras moitas pezas, no laboratorio-museo de ciencias.
O bucolismo histórico non casa ben coa economía da contemporaneidade. Concebido a finais do XIX, o instituto non é o lugar ideal, estruturalmente falando, para un centro de ensino do XXI. Pero o seu uso non se cuestiona.