Corren malos tempos, os piores, para o libro e a cultura. Situación que converte a escritores e creadores en xeral en vangarda reivindicativa en defensa dos mesmos. O pasado ano Xosé Manuel Pacho o que demandaba para Ourense, «a Dublín de Galiza», máis infraestructuras culturais e unha Praza do Libro no seu pregón da feira e onte unha reivindicativa Teresa Moure centraba a súa intervención de apertura en lembrar o carácter «subversivo e de liberdade» que supón o achegarse á lectura e aos libros ao tempo que se refería a que «cada ano, por primavera, chega a estación dos libros» e daquela son «estas criaturas coquetas as que fuxen dos andeis para sair ás rúas» e agocharse nas casetas «que son casas de mentira, como de xoguete» onde se atopan cos cidadáns.
Desexou a escritora un futuro no que as feiras do libro non teñan senso por estar as librerías cheas de xente a mercar libros, definiu a estes establecementos como «un sector comercial baixo permanente ameaza» e aos libros como «os máis importantes axentes de cultura e de instrución social», para lembrar que durante a dictadura eran un ben escaso e que son «o instrumento que mellor representa á cultura como símbolo de vida». O compromiso co futuro e coa lingua galega «o libro sempre será un refuxio para os disidentes e para a literatura nunha lingua minoritaria como a nosa, con 2,5 millóns de lectores posibles na nación» foron outros aspectos que salientou a pregoeira. Moure, que pola tarde participou na feira asinando exemplares da súa obra Intervención, afirmou que a lectura «é un acto de rebeldía nestes tempos de globalización».
«O legado dunha cidade»
Na apertura da feira o director xeral de Cultura, Francisco López, salientou que citas como a de Ourense reforzan a celebración do Ano do Libro e da Lectura promovido polo Xunta e que o certame «entronca co legado de Blanco Amor, Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas, Valente, Celso Emilio, Curros e tantos outros que fixeron que Ourense recibise o alcume de Atenas de Galicia» e o alcalde, Francisco Rodríguez, animou aos cidadáns «a disfrutar da feira de vagar: hai que tocar, ollar, refollar e mercar libros porque é a mellor decisión».