En galego ata en Shanghai

La Voz LA VOZ/OURENSE.

OURENSE

A agrupación musical da Deputación aproveitará a súa xira polo país para gravar un vídeo na Gran Muralla

18 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Podería sonar a chiste -«Chegan cincuenta galegos a China...»- pero en realidade foi un brindis pola cultura. A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense marcou onte o ritmo da celebración do Día das Letras Galegas en Shanghai, ata onde se desprazaron medio centenar de músicos para demostrar que as melodías poden unir o que, ás veces, distancian as palabras. Preto de 400.000 persoas escoitaron aos gaiteiros ourensáns, dirixidos por Xosé Lois Foxo, que aproveitará a estación no país para gravar un vídeo na Gran Muralla. O Mo Liu Hua, un tema popular chinés, ten dende onte unha versión con gaita, que foi seguida polo mesmo público que, máis tarde, viaxou a través da música ata Galicia ca interpretación dun poema musicado de Uxío Novoneyra. Probablemente nunca pensou que A pastora do Caurel chegara tan lonxe. O que se conmemoraba na exposición universal e no pavillón español era o Día das Letras Galegas pero o certo é que Ourense foi quen de deixarse notar, especialmente, en Shanghai. Porque a presenza da real banda, cos seus membros ataviados cos traxes típicos, completouse ca de representantes institucionais. Ata China desprazouse o vicepresidente da Deputación, Moisés Blanco, así como a secretaria xeral de Turismo, a ourensá Carmen Pardo. Pero é que ademais hai que ter en conta que a directora do pavillón español na Expo de Shanghai é tamén unha muller orixinaria de Ourense, Cecilia Pereira. Seguro que para ela en territorio chinés a de onte foi unha xornada destacada. Non faltou na festa das letras o himno galego ademais dunha suite galaico-chinesa, un saúdo de percusión e o tema Cantos de España.

«É boa mostra de que a música rompe fronteiras e nos une a todos», asegurou o director da banda, Xosé Lois Foxo. «Nós quixemos con esta mestura entre as culturas galega e chinesa unir dous pobos tan distantes pero á vez tan achegados por algo tan marabilloso como é a música», concluíu. En Ourense, mentres tanto, as celebracións espalláronse por toda a provincia durante o día. » L3-L5