Un paseo entre pezas únicas

Jesús Manuel García

OURENSE

A Feira de Artesanía ofrece os produtos de 35 firmas e obradoiros para que os nenos coñezan os diversos oficios

25 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Na praza Bispo Cesáreo hai un mundo de artesanía grazas á 14 edición da Feira de Artesanía de Ourense. Son trinta e cinco expositores que amosan de todo ou case todo. Hai talleres de madeira, de marroquinería, obras en vidro e prata, cerámica e xoiería, coiro, esmaltes, serigrafía, encaixe de camariñas, tecidos, bordados de Lagartera (Toledo); fiestras do pasado, ou sexa, escenas varias enmarcadas nas que se reproduce desde un estudo de arquitectura antigo a unha consulta médica ou unha capela. E non pode faltar a repostería trivesa coa Bica de Trives.

Un toldo a cores cubre o pasillo da feira que foi inaugurada polo tenente de alcalde Andrés García Mata, quen considera que acertaron co lugar ao deixar se se facer esta feira no Paseo e falou do programa Ourense máis do que imaxinas, que engloba esta feira, a feira gastronómica ou a festa dos Maios. Actuaron os gaiteiros de Queixumes dos Pinos percorrendo co seu son todo o recinto feiral.

Obradoiros

A presidenta da Asociación de Artesáns de Ourense, Olga Santos Pereira, explicou que hai actividades paralelas. «Imos facer demostracións todos os días de diversos oficios». Onte tiveron un obradoiro de tear. Pola semana volverase repetir esta especialidade máis a de coiro, pratería, olería. «Son obradoiros dedicados especialmente aos nenos. dedicamos un anaquiño a eles e como novidade este ano, a peza que resulte destes obradoiro ímola expor na nosa caseta e ao día seguinte sortearase entre a xente que faga unha compra na feira», sinalou. A devandita asociación comprende artesáns non só da cidade e do seu entorno senón tamén doutros puntos da provincia. Son en total sesenta membros.

Olga explica que nesta ocasión a feira está ben situada a carón da avenida de Pontevedra: «Levabamos trece anos facéndoa no Paseo pero valoramos coa concellería de Comercio que ese sitio é un lugar incómodo pola cantidade de mobiliario urbano que ten e porque a pesares de ser peonil pasa un coche cada certo tempo». En Bispo Cesáreo «temos unha ubicación realmente boa», engade. Quedan por diante oito días para visitar e atopar sorpresas na feira.