O IES de Celanova lembrou os 25 anos do premio Europa Nostra

Jesús Manuel García

OURENSE

O IES de Celanova clausurou onte os actos culturais do 25 aniversario da concesión do Premio Europa Nostra á restauración da parte do mosteiro que é centro educativo. Agochada nesta efeméride está a idea de defender que ese espazo construído siga sendo a sede do instituto e non outra. Xosé Benito Reza, enxeñeiro e investigador, subliñou que é un orgullo que o mosteiro recobrara neste anos vida e leu unha crónica xornalística do 1870 onde se defendía o monumento como centro de ensino. Esta lectura foi aplaudida pola sala. Van 140 anos de ensino nestes muros e Reza defende que así continúe. O arquitecto Emilio Fonseca, autor da restauración, indicou que o que fixo foi «adaptar para os usos que se estaban desenvolvendo este edificio respectando o espírito das vellas pedras». Aquela restauración promovida polo Ministerio de Educación foi adiante para manter alí o centro de ensino medio. «Este edificio está sendo usado e foi arranxado para ese uso. Se non houbera alumnos... Non o deixedes quitar mentres funcione», dixo Fonseca. O escritor a presidente da Real Academia Galega, Xosé Lois Méndez Ferrín fixo un rápido panorama da historia do mosteiro, co cal pode entenderse a historia de España e de Europa, dixo. Falou da súa concentración de poder século tras século «e rendas do traballo dos campesiños. Con Carlos I dependeu de San Benito de Valladolid e aí está un dos primeiros feitos de colonización». Contou como unha burguesía, a de Celanova, «asumiu a súa función histórica de preservar este patrimonio» e polo tato o pobo apropiouse do mosteiro que é sede do Concello, do xulgado, do centro de ensino, que acolleu un centro recreativo, e incluso foi cadea. «Por certo aínda non se puxo unha placa dedicadas aos que padeceron aquí tortura», dixo para rematar con esta frase: «Temos que ver este mosteiro como un gran triunfo popular. Isto é noso». A directora do IES, Dolores Sarmiento, manifestou que nestes anos de ensino pasaron máis de 4.000 alumnos e fixo un rogo ás autoridades. «Que reflexionen sobre o futuro do IES de Celanova e que actúen con rigor». Nesta tarde cultural os alumnos deron un concerto baixo o título O son das pedras, clausurouse a exposición de Mané Boán e os rapaces fixeron unha visita guiada ao Claustro do Poleiro, sobre o que o centro editou un folleto explicativo moi agradecido que é obra dos departamentos de Xeografía e Historia, Artes Plásticas, da Biblioteca e do Equipo de Normalización.