Sucesión

Xosé Lois Carreira

OURENSE

Ata Aznar admite que os procesos de sucesión en política non son perfectos; se a cuestión xa é dinástica entón mesmo poden personificar a imperfección, e se aínda por enriba falamos de procesos democráticos internos sometidos a sufraxio, entón mesmo parecen cousas de nenes, triste reflexo estamental desta provincia instalada no século XIX. Tralos acontecementos destes días cando menos un ten a sensación de que a la derecha ourensana se le fue la mano (cabeza e corazón). E postos a pensar, a idea que nos atravesa como un escalofrío é que se son capaces de todo isto entre eles, todos leais compañeiros do PP, qué non estarán dispostos a facer con rivais doutros partidos, de qué tipo de artimañas e fraudulentas argucias botarán man para conseguir os seus fins electorais. E o máis arrepiante, qué non estarán dispostos a facer no canto de perpetuarse no cargo institucional con todo o poder que este desplega, vicepresidencia do Parlamento, presidencia da Deputación, alcaldías, etc... Entre tanto, mentres nos atravesa este acedo arrepío, eles seguen o deles, ferventes defensores do interese público, comprometidas persoas de ben eternamente entregadas a nosa salvagarda e que, debido a terribles circunstancias adversas, espantosos paos que lles está a dar a vida, nunca debido a súa pésima xestión, tórnanse moi ao seu pesar como no clásico de Moliére en deñados facultativos da esquilma total da nosa potencialidade, o ninguneo dos nosos sectores produtivos e a insalubre diagnose dun futuro errático e condenado a unha morte anunciada.