Volta a vida ordinaria

José Pérez Domínguez

OURENSE

Atrás quedan os saúdos obrigados e ocos de contido: «feliz Nadal», «feliz aninovo», «boas festas», «felices pascuas de Nadal», «a pasalo ben», «que haxa saúde». ¿Non están vostedes un pouco aturulados con tanto asfixiante desexo de todos para con todos? Atrás quedan as lambetadas típicas e tópicas, os presentes (para ós homes sempre colonias...), as árbores de arames e luciñas (anónimas e sen expresividade), os papás Noël, guindados polas fiestras. ¿Non temos máis creatividade? ¿Pensamos no que dicimos, dicímolo de verdade, convertémonos do noso egoísmo á xenerosidade e á bondade para con todos? Os usos e costumes imponnos os tratamentos a facer neste tempo e, ó mellor, ata con certas raizames cristiáns. Ó respecto de tanto saúdo, lémbrome moito do que me dicía un meu amigo: «Cando a xente me pregunta cómo estou, eu respóndolle sempre que moi ben, sexa cal sexa o meu estado anímico ou de saúde. ¿Motivo? Se son amigos e quérenme ben, alégranse; se son inimigos e quérenme mal, amólanse (con j.)». Temos que volver a vida familiar, temos que recuperala paz interior, temos que facer o traballo cotián con afecto e vida ordenada. Despois de Exipto, a Sagrada familia establécese en Nazaret. Xesús vive cos seus pais naquela fermosa cidade do norte de Israel ata ós trinta anos. E, ó longo da vida oculta, Xesús «crece en idade, en estatura e en gracia». ¡Que nos sexa leve a costa de xaneiro!