O Centro Cultural da Deputación converteuse onte nun foro de apoio incondicional ao produto galego. Un apoio que pasa por utilizar marcas de identidade nun mundo globalizado. O Foro Enrique Peinador presentou onte en Ourense a xornada Empresa e Identidade. En galego, consumo gusto, na que se aborda a etiquetaxe en galego por parte de diferentes empresas de Galicia. Empresarios de toda a comunidade acudiron á cita que estivo presidida polo presidente do foro Xosé González que estivo acompañado por Francisco Nóvoa do grupo Academia Postal; Xosé Domínguez Álvarez , de Factor Vulcano; Casián García , de Celtis Estores; Carlos Varela , Fiscal Superior de Galicia; Anxo Lorenzo , secretario xeral Política Lingüística; José Manuel Pérez Canal , de Aceites Abril e Xosé Manuel Sendín , de Cárnicas Fontefría. A realidade do etiquetado en galego é para o foro un proceso imparable. «As marcas e a identidade é a reacción contra a globalización. Hai que buscar sinais e unha delas é a lingua galega», subliñou González que lembrou que hoxendía nos mercados internacionais existen moitos produtos que son vendidos na súas lingua de orixe. Como exemplo, destacou o sector da cosmética que utiliza linguas como o francés ou o inglés para a súa posta no mercado. Como dato subliñou que si no 2003 existían unicamente 13 adegas que utilizaban o galego nas súas etiquetas, na actualidade esta cifra ascende a 170. «Cremos que se poden vender produtos en galego e que a súa identidade fai destacar o produto». A mensaxe ademais vai tamén directamente enfocada ao consumidor. «Queremos que os usuarios apliquen o principio de discriminación positiva e esixan os produtos en galego».