«Lembro a data como un acontecemento porque sempre é un honor que che premien un traballo»

Xosé M. Rodríguez

OURENSE

O arquitecto Emilio Fonseca Moretón foi un dos protagonistas, indiscutible, daquela entrega do premio ao proxecto de recuperación do mosteiro. Os premios correspondían a obras do ano anterior, 1983. Emilio Fonseca tamén asinou proxectos como a recuperación do Teatro Principal, de Ourense, ou a rehabilitación de San Pedro de Rocas.

-Coa distancia que marca o tempo ¿como lembra aquela data?

-Como unha cousa moi grande, porque era un recoñecemento moi importante por tratarse dun galardón destas características. Lembro a data como un acontecemento porque sempre é un honor que che premien un traballo.

-Ademais nunca se recoñecera co Europa Nostra un traballo na provincia de Ourense.

-Foi a primeira vez e supuxo ademais un valor engadido importante, xa que naquel momento dábanse moi poucos premios nesta convocatoria, non como agora que son dez. Aquel ano díronlle a medalla de prata, o máximo galardón, ao proxecto de Celanova. E despois houbo dous diplomas, un para a restauración do cimborrio da Abadía de Poblet e outro para as obras dun pobo de Teruel.

-¿Recuperar o mosteiro para o pobo era o obxectivo?

-O proxecto supoñía o rencontro do pobo co mosteiro, xa que se reformou para acoller o instituto e outras dependencias e aquela intervención voltou a darlle vida e actividade.

-¿Que lle parece a posibilidade de transformalo en hotel monumento?

-Non é algo que me corresponda a min valoralo, con todo vexo máis axeitado ter alí un instituto de bacharelato e institucións e servizos para os cidadáns de Celanova.