«O BNG está formado por persoas, non por santos»

OURENSE

Barxa considera que o conflito xerado co idioma está axudando a remover o sentimento e a conciencia dos galegos fronte aos intentos de arrinconar a lingua

14 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Cincuenta anos de oficio como abogado e militante nacionalista, Nemesio Barxa é das persoas sempre dispostas a completar unha lista, ou situarse en sufridas posicións, mesmo nos carteis, sen perspectivas.

-Eu son un militante disciplinado, aínda que non recibo nin prebendas nin agradecemento.

-¿Como ve o panorama político de Galicia?

-Hai un aspecto que me sorprende moitísimo: que a xente non sexa capaz de apreciar a necesidade de construir unha forza política, de esquerda, de dereitas, de centro, pero unha forza política nacionalista, que poña a Galiza onde debe estar, que pelexe nos distintos foros, e que poida levar a súa voz a Europa. Estamos totalmente abandonados polos gobernos centrais e estamos sometidos a unha regulamentación ou decisións duns señores que se someten só ao poder central. É algo que se ve. Hai decisións que se toman no Parlamento galego e que logo, cando chegan ao Parlamento español, os memos grupos de obediencia estatal que votaron aquí unha cousa, votan outra.

-¿E a situación do BNG?

-É posible que o único partido político de corte nacionalista, o BNG, que é a única ferramento que temos, ao mellor por bisoñez, ou por falla de experiencia, ao chegar ao goberno, teña algúns erros. Hai que recoñecer que houbo grandes éxitos, pero o caso é que a poboación quedou desconcertada. Ao mellor deberiamos ter actuado, polo menos fronte ao público, doutra maneira, non no que se fixo, non nas actuaciones, non na politica de gobernar, senon nunha apertura máis popular da que houbo. Esto pode levar a que algunha xente que pensaba ate agora que o Bloque era o mellor, que non é como o PSOE ou o PP, poida agora considerar como se no seu xeito de gobernar non se distanciaran moito. Sin embargo, hai boa diferencia entre as actuacions, entre os erros do BNG no goberno e os do PP no goberno.

-¿Será que os votantes, e algúns militantes, son moito máis críticos con aqueles que consideran máis próximos?

-É así. Á hora de por a lupa somos máis estrictos.

-Houbo xente que se «deixou levar» ao tocar poder...

-Eu non poño o dedo en ninguén. O BNG está formado por persoas, non por santos. Ás veces erramos e non somos capaces de asumir que o PSOE tivese un gran éxito en Andalucía, onde está sometido a un proceso non sei se real ou mediático, de corrupción; ou o PP, en Valencia ou en Madrid.

-¿Por que o Bloque perde votos, elección tras elección, en Galicia e en Ourense?

-Non o sei. Na última reunión á que asistín unha das cousas que preguntei é por qué cando gobernamos na Xunta, ou nunha cidade, despois perdemos. Non o sei. O que non se pode dicir é que se faga mal. En Ourense penso que non se está facendo mal, pode haber discusións, pero non se fai mal. Non se soubo explicar. Xente como Suárez Canal traballou para adentro, pero non foi capaz de conectar, de contactar e explicar as cousas ao público ao que ía dirixido.

-¿Quere dicir que é un problema de mala comunicación?

-A Xunta fíxoo estupendamente, excepto nalgúns departamentos que a cousa non estivo ben. Non había ningún motivo que nos fixera pensar que o electorado nos ía dar as costas. Tampouco para pensar que se ía decantar polo PP, e menos aínda entender os votos da señora Rosa Díaz, que chegou co único proxecto de acabar co idioma, puro fascismo, e a xente votoulle, a pesar diso, nun suicidio cultural.

-¿Non pensa que eses votos sexan froito dunha reacción pendular, de persoas que viron con recelo algúns avances no galego, e conflitos como o Galicia-Galiza?

-Pode, pero levou a unha guerra do idioma que non se deu nin na época de Fraga. As cousas van cara unha situación de tolos.

-¿E agora que vai pasar?

-Dicía alguén, e dicía ben, que mesmo podía ser positiva esta situación, porque axuda a remover o sentimento e a conciencia dos galegos, ao ver que se está arrinconando algo tan importante como é o idioma, que nos define e que nos fai diferentes.

-¿Ten a percepción de que na administración de Xustiza é aceptado con naturalidade o uso do idioma galego?

-O que penso é que os meus escritos en galego non serán mirados no aspecto técnico, legal, de maneira diferente a como se verían en español. Creo que a sentenza coa que poida finalizar un caso vai ser igual de xusta ou de inxusta, á marxe do idioma. Outra cousa é que o xuíz, outro abogado, ou o funcionario, aínda que estos sexan máis receptivos, pida que llo digas en español. Notas que non lles gusta demasiado, e máis se eres reintegracionista. É diferente.

-Aínda para peor...

-Para peor, si. Son reintegracionista, pero non emprego a ortografía portuguesa, vou aos mínimos, fóra da normativa. Houbo por iso xuíces que me rexeitaron escritos, mesmo algún moi galeguista. Se eu presento un escrito en español, con faltas de ortografía, non mo rexeita.