Alumnos do instituto Julio Prieto Nespereira liberan pola cidade publicacións en galego para potenciar o idioma
13 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.As actividades de normalización lingüística veñen sendo dende hai anos unha boa ferramenta para traballar na reivindicación, defensa e consolidación do idioma. E sempre hai posibilidades para abrir novos camiños para prestixiar o galego, como veñen de amosar os alumnos do instituto Julio Prieto Nespereira. Esparexidos por nove cafeterías e cafés da cidade andan os libros que foron liberados por alumnos de 4º de ESO do Prieto Nespereira e polo clube de lectura Colegas das Palabras, do mesmo centro.
A iniciativa do instituto do barrio do Vinteún está coordenada pola profesora Xela López Blanco e foi posta en marcha «como unha proposta para proxectar o galego cara a fóra do centro e tamén como un xeito de potenciar a lectura». No comezo procedeuse a «liberar fisicamente contos infantís logo de facer a lectura de textos en dúas prazas da zona». En principio barallouse a posibilidade de liberar os libros, 30 publicacións en galego, en espazos públicos por ser o máis acaído ao movemento internacional que promove este tipo de accións, máis non semellaba ser unha boa opción en canto ao control e seguimento do proxecto. Daquela os promotores decantáronse por liberalos en «varias cafeterías das proximidades do instituto e en tres locales do centro da cidade -Cadomoki e Jam Sessión, en Ramón Cabanillas, e Café Isaac, en Samuel Eiján- para que a xente poda levalos para ler e liberar novos libros».
Os alumnos do IES Julio Prieto Nespereira teñen desenvolvido outros proxectos vencellados co idioma, centrándose na toponimia.