«Nas cousas de interés común é preciso traballar de maneira conxunta»

OURENSE

Leva José Selas (Bentraces, 1943) catro anos no barrio ourensán do Couto, despois de pasar máis de trinta no Reino Unido. Foi dos primeiros en poñerse á faena, saír á rúa e reclamar contra o proxecto de «humanización da rúa Greco.

-¿Que tal se lle deu o de repartir folletos pola rúa?

-Ben. A xente respondeu ben. Todo o mundo collía o papel con educación. O que fixeran despois, ou o que pensaran, xa é outra cousa. Nós, dende logo, imos de frente, a cara descuberta, e non coma outros.

-Vostedes defenden que na rúa quede sitio para dous coches...

-É necesario. Que unha persoa maior poida baixar no portal da casa, ou descargar unhas patacas que se traen da aldea, sen entorpecer. Que conste que eu teño praza de garaxe e non teño problemas, pero para outra xente é moi distinto o panorama.

-¿Tiña estado en outras mobilizacións veciñais?

-Non, pero nas cousas que son de interés común penso que é preciso traballar de maneira conxunta e mobilizarse. Estiven fóra moito tempo.

-¿En que acabará este asunto?

-Non o sei, pero, polo de agora, as cousas están indo bastante ben. Cando llo explicamos ao alcalde, que non sabía nada do que aquí se montara nunha reunión anterior cos da Tenencia, as cousas empezaron a arranxarse. Empezaron cunha rúa de pouco máis de tres metros de ancho e, polo que nos contan, parece que xa modificaron o primeiro proxecto para levala máis alá dos catro metros.