Os tesouros dos avós de Coles

OURENSE

Os usuarios do Centro de Día de Coles sacaron das súas adegas e os trasteiros os obxectos que formaron parte da súa vida cotiá para montar una exposición

16 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Que é una candelexa de farol e que a diferenza do candeleiro de vela? E por que non serven para o mesmo un serrucho que un serrón nin un cribo que unha peneira? Saberían distinguir un funil, a garlopa, a romana ou a gramalleira? Pois para clarexar estas dúbidas e moitas outras, e para lembrar todas as tarefas que nos vellos tempos se facían no rural, os vinte usuarios do Centro de Día de Coles -xunto co persoal que os atende- revolveron nas casas familiares, nas adegas e ata nalgún faiado, e recuperaron unha morea de obxectos cos que montaron unha exposición que onte ensinaron a todos os que quixeron achegarse a facerlles compañía na súa particular celebración do Día das Letras Galegas.

Unha lección de historia

Pero os protagonistas non se limitaban a dicir os nomes das cousas, senón que contaban historias e parecía máis o día da cultura e as tradicións galegas que o das letras. «A miña avoa fiaba con este fuso a luz do candil e mentres tanto os homes xogaban as cartas», lembra Concepción que engade que desa la se facían «calcetíns, medias e xerseis». Lola Sotelo, que ten 82 anos explicou como usaban os curas o sope «para bendicir á xente nas misas e tamén nas casas, cando se remataban». Elena Jovita González aportou un rodo de sachar as hortas «que se usaba para os pementos e para a labor menuda».

Aínda que algúns dos homes tamén se animaron a explicar os usos dos obxectos que levaron -como Enrique que explicou sobre como facía con madeira de castiñeiro camas, armarios e mesas-, elas foron onte as máis faladeiras.

Explicaron tamén que cando levaban a moer o trigo «cobrábannos quedando eles cunha maquía», e lembraron como apañaban a auga das fontes para o uso da casa, como facían o pan nos fornos comunais ou como mantiñan o ferro enriba das cociñas para botarlle as brasas e mantelo quente para planchar o liño «e pesaban moitísimo» contaba Carmen González que levou a exposición a cadea do pote, a capucha, o trespés e a piola «o tiña todo gardado na casa vella», confesaba rindo como se acabase de descubrir un segredo.

Foi un día moi especial que rematou con outra celebración, a dos maios para a que fixeron unha alfombra con flores no pavillón da parroquia de Albán.