Prácticas de dobraxe escolar

C. Paradela

OURENSE

O programa «Audiovisual nas aulas» leva ao IES Número ?Un do Carballiño o traballo dos dobladores profesionais

11 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Tres centenares de alumnos de 3º e 4º da ESO, con idades comprendidas entre os 14 e os 16 anos, son os principais destinatarios da fase denominada «Dobraxe e Lingua», do programa «Audiovisual nas aulas» promovido pola Xunta e que se desenvolverá en seis centros escolares da comunidade autónoma galega, dúas deles institutos ourensáns: o IES Número Un do Carballiño e o Lauro Olmo do Barco de Valdeorras.

Ata a vila carballiñesa precisamente achegáronse onte os promotores deste proxecto, Mª Sol López, secretaría xeral de Política Lingüística, Nacho Varela, director-xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Xosé Antonio Rubal, presidente de Apradoga (o colectivo que aglutina aos profesionais da rama artística da dobraxe en Galicia) e Miguel Anxo Fernández, coordinador do programa que tiveron como anfitrión a José Antonio Barge, director do IES Nº1 á hora de explicar os pormenores da nova fase dun proxecto que se desenvolve no centro desde fai seis anos, grazas, sobre todo, á implicación do profesor Amancio Carballido, que recibiu un sonoro aplauso dos seus alumnos en sinal de agradecemento.

Miguel Anxo Fernández destacou a importancia desta proposta, que contribúe a promocionar e impulsar a lingua galega e que definiu cono «un sector interesante de futuro» que pode supor ademais, precisou, unha nova saída profesional.

Mari Sol López incidiu tamén na relevancia de que sexan dobladores profesionais os que desvelen aos estudantes os segredos da súa profesión por medio de prácticas para cuia realización contarán, non só coa entrega de material didáctico, senón tamén cun set de dobraxe propia que se desprazará ao instituto.

López Martínez viu esta experiencia tamén como unha forma de apoiar a lingua galega, que é máis débil, historicamente, que a castelá, pero deixando claro que non se trata de «ningunha imposición» senón de ter «a liberdade de utilizar a lingua que se queira, pero para poder ser libres temos e debemos coñecer as dúas linguas».