A oferta turística do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés contará a partires do vindeiro ano cun importante centro de actividade, de ofertas e proxectos na aldea de Salgueiros. A antiga aldea abandoada, pertencente ao municipio de Muíños, foi mercada hai anos pola Xunta para incorporala ao parque e o pasado ano era o presidente do Executivo galego o que presentaba no mesmo pobo o proxecto para rehabilitar e voltar á vida este espazo habitado en tempos por carboeiros, ferreiros, agricultores, pastores e expertos en sortear as fronteiras imaxinarias da raia para exercer o contrabando que garantizaba uns ingresos extras para unha economía de subsistencia.
Emilio Pérez Touriño presentaba en Salgueiros o proxecto de recuperación da aldea en xullo de 2007 e na actualidade, pouco máis dun ano despois, a primeira fase da actuación está na súa recta final, de tal xeito que dende a Consellería de Medio Ambiente se traballa coa previsión de inaugurar o complexo de Salgueiros a comezos de 2009.
Tellados de palla e enerxía
O proxecto da primeira fase de recuperación da aldea abandoada inclúe unha decena de casas, das algo máis de 40 que existen no lugar. Unha cafetería, un albergue para mozos e mozas con 60 prazas, un pequeno centro de interpretación do parque natural, lavandaría, tenda verde para productos ecolóxicos e espazos de espacimento son algúns dos servizos creados nesta primeira fase. O proxecto para recuperar Salgueiros foi elaborado polo arquitecto Manuel Seoane e inclúe actuacións como a recuperación dos vellos tellados de palla ou a levada de auga existente na zona.
Na aldea, cando estaba habitada, non había luz e traer a instalación dende o lugar máis próximo habitado suporía un gran impacto no parque natural. Daquela, Salgueiros conta cunha «casa da enerxía» donde se centralizan os servizos das enerxias alternativas que suministrarán a aldea -xeotérmica, solar e outras enerxías limpas- e depuradora ecolóxica. O proxecto de restauración concebiuse como un espazo adaptado sen barreiras arquitectónicas e servirá ademais como enclave para a investigación da natureza.