«A crise afecta tamén á venda de cabalos»

OURENSE

Os animais criados pola Deputación acadan novos éxitos en competición e nas poxas públicas

12 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Gumersindo González dirixe o centro ecuestre da Deputación, xa consolidado no sector do cabalo, onde os seus animais teñen acadado grandes éxitos tanto en competición como nas poxas públicas. Por exemplo o cabalo Pazo de Vilamarín gañou o campionato de España de concurso completo e os poldros Duranferr e Don Limiao gañaron probas en San Sebastián e Madrid respectivamente.

-¿Cal é o secreto do éxito?

-Parece ser que o estamos facendo bastante ben. O Pazo de Vilamarín non é o que estamos traballando agora con pura sangre inglés. Procedía de eguas de Francia e non é un cabalo de carreiras, participa no concurso completo que inclúe salto, doma clásica e proba de cross. Sendo moi transcendente o seu éxito estamos tamén moi contentos cos outros dous de carreiras. Levamos cinco gañadores e estes so teñen dous anos pero gañaron moitísimas probas.

-O Pazo de Vilamarín ten posibilidades de chegar ó campionato do mundo, algo pouco habitual para cabalos españois, ¿non é así?

-Non é nada habitual para cabalos nados é criados en España, é moi raro. Para o concurso completo hai moi pouquiño criado aquí e nós tiñamos medo con esta liña de traballo porque estes cabalos non se comercializan ata os catro o cinco anos e para chegar a iso teriamos que facer una grande inversión e ter cinco xeracións paradas ata ver os resultados. Sen embargo houbo éxito e o Pazo de Vilamarín ten posibilidades reais de clasificarse para o campionato do mundo cando hai polo menos vinte anos que non se clasifica ningún criado en España.

-Ese éxito se reflexa tamén nas poxas, ¿é certo?

-Si, ademais partimos con criadores inexpertos e eguas que non eran dun valor moi alto. Tiñan un valor por debaixo da media e nós o a no pasado xa vendimos todo por enriba da media. O que hai que facer é tratar ós cabalos como atletas.

-¿Afecta a crise á venda de cabalos?

-Espero que nos vaia ben, pero a percepción da crise é incrible. Os cabalos non son primeira necesidade e esperamos que este sexa un ano moi malo. As perspectivas para todos non son boas porque a crise afecta tamén á venda de cabalos, pero espero que a nós nos vaia ben. Este ano batemos case tódolos récords e esperamos que iso nos axude, porque, ademais, ofrecemos unha imaxe de criador único en lugar de competir entre nós e así a crianza en Ourense en xeral sae beneficiada.

-¿Está sendo rendible a actividade?

-Está sendo rendible para todos os que teñen eguas pura sangue. Ademais agora estamos traballando con moitos potenciais criadores que non teñen finca porque viven en Madrid, por exemplo. O que queremos é atraer ese capital para que os seus cabalos estean nas fincas de Ourense. Hai xente que coas pensións que se lles paga por manter ós animais xa sostén ós seus. Nós facilitámoslles as cubricións e todo o asesoramento que necesiten. En Ourense pódese criar a un prezo moi competitivo.