As reservas hospitalarias de sangue obrigan a intensificar os desprazamentos da unidade móbil buscando doadores
25 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A tarefa de Antonio Carcedo é concienciar aos galegos de que o seu sangue é necesario para salvar vidas. Co verán xa avanzado, Carcedo Calvo analiza, dende o Centro de Transfusión de Sangue de Galicia, a situación na provincia de Ourense.
-É a mesma de todos os veráns: dificultade de cubrir a demanda de sangue por mor do descenso das doazóns por atoparse a xente de vacacións, fóra do seu domicilio habitual, por iso temos que pór en marcha campañas e ideas para que a xente estea ao tanto da necesidade de doar sangue; o pequeno orzamento que temos para publicidade centrámolo nas datas de verán e pedímoslle aos concellos que nos boten unha man para informar da visita da unidade de doazón. Chamámolo campañas de apoio institucional.
-¿Como responden os concellos?
-A maioría, ben; participan nestas campañas publicando un bando e enviando tarxetas por correo aos domicilios invitando a doar sangue e comunicándolle á xente onde vai estar a unidade móbil e a que horas.
-¿So a maioría, non colaboran todos?
-O que pasa é que son moitísimos os concellos e sempre hai algún sen orzamento ou con algún problema nas corporacións municipais; ás veces é moi difícil atopar ao interlocutor axeitado no verán para facerlle a proposta de colaboración, os prazos da campaña de doazón no verán son limitados no tempo e ás veces chega tarde o OK.
-Parecen moi centrados no rural.
-No verán nas cidades o esforzo é menor poque a maior parte da xente sae, por iso centramos os nosos esforzos na unidade móbil. Este verán fixemos unha campaña moi atractiva cos Amigos da Terra, visitamos os barrios da cidade combinando a doazón ca axuda ao medioambiente: doar sangue e prantar unha árbore. Do 14 ao 19 de xullo conseguíronse cerca de 300 doazóns e un 18% eran primeiros doadores. Con esta campaña conséguese chamar a atención e atraer á xente á participación. Un bo resultado é xa ter un 10% de doadores novos.
-¿Cales son as cifras anuais de Ourense?
-Na provincia no 2007 foron 14.162 doazóns; son bos resultados malia que houbo unha pequena baixada dun 3%; se nos mantemos nestas cifras, estamos por riba da taxa recomendada pola OMS.
-¿Cales son as necesidades este ano?
-Está baixo o grupo cero negativo, que é o doador universal. Os grupos A e cero positivo, que son os máis frecuentes, son os máis utilizados en cirurxía programada durante o resto do ano. No verán o cero negativo e, ás veces, o A negativo teñen problemas de escaseza; no inverno podes facer unha previsión das necesidades de sangue, aínda que non é unha ciencia exacta, pero, ante un incremento en urxencias, que é o que pasa no verán, non o sabes.
-¿Farán algo especial en agosto?
-En Ourense o problema é que son moitos concellos; reforzaremos os concellos onde temos mellores resultados estando varios días pero distribuíremos recursos para visitar os concellos pequenos que no inverno están baleiros. Precisamente no verán facemos campaña nos concellos pequenos porque hai máis xente.