Beramendi volve a Losada

OURENSE

O profesor recibirá o 7 de xuño o premio que leva o nome do intelectual ao que lle editou as obras completas

03 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Ás veces os camiños da historia teñen un aquel de predeterminación ou de espazo máxico que fai que se produzan situacións que semellan froito dun destino que xa estaba escrito. O xurado dos premios Antón Losada Diéguez acordaba recentemente conceder os galardóns deste ano a dous creadores de recoñecido prestixio: Miguel Anxo Murado, no apartado de creación literaria, pola súa obra O soño da febre e Xusto Beramendi, no de investigación, por De provincia a nación. Historia do Galeguismo político.

Con esta decisión o xurado composto por Cipriano Caamaño, Francisco Calo, Henrique Monteagudo, María del Pilar García Negro, Inmaculada Ucha, Ramón Lorenzo, Francisco Fernández Rei, José Luis Valladares e Gonzalo Navaza convertíase no artífice da próxima xuntanza de dous vellos coñecidos que nunca coincidiron no seu tempo histórico -Antón Losada Diéguez e Xusto Beramendi- mais que manteñen de vello unha entrañable relación de amizade.

Día das Letras de 1.985

A Real Academia Galega acordaba el 1.984 adicarlle o Día das Letras Galegas de 1.985 ao filósofo e escritor Antón Losada Diéguez (Moldes, Boborás, 1.884 - Pontevedra, 1.929). Aínda que Losada Diéguez desenvolveu unha ampla actividade política e intelectual na súa curta vida e estivo vencellado a movementos como as Irmandades da Fala, a Xeración Nós, a revista do mesmo nome ou a entidades como o Seminario de Estudos Galegos, non foi un creador que se fixese notar á hora de plasmar ou seus pensamentos por escrito ou a editar as súas obras.

Daquela había un traballo pendente de cara a divulgar a figura e a obra de Antón Losada Diéguez co gallo do Día das Letras Galegas de 1985, e aí é onde a participación de Xusto Beramendi foi providencial. Editado por Xerais, aparecía en 1984 un volume coas Obras completas de Antón Losada Diéguez, froito de grandes esforzos, milleiros de horas de traballo e pescudas en revistas, publicacións, boletíns e outras fontes documentais, xunto co fondo familiar no pazo de Moldes, levados a cabo por Xusto Beramendi.

Co fallo do xurado do premio Losada Diéguez, Beramendi será de novo, como en 1985, un dos protagonistas dos actos que se celebrarán no pazo de Moldes. O 7 de xuño, data de entrega dos galardóns, Antón Losada Diéguez e Xusto Beramendi volverán atoparse na mesma casa por donde pasaron figuras como Castelao, Otero Pedrayo ou Vicente Risco.