Amigos da Terra reclama que se incentive o transporte colectivo e se melloren os servizos para os ciclistas
31 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O cambio climático é unha realidade incontestable para a responsable da área que a asociación Amigos da Terra ten creado para loitar contra este fenómeno. Cristina Gómez di que todos, como cidadáns, temos moito que aportar para mitigalo, pero matiza que este é un proceso que deben liderar as administracións e empresas.
-¿En qué notan ou notarán os ourensáns o cambio climático?
-Seguindo o escenario máis empregado polo IPCC (Panel Intergubernamental sobre Cambio Climático), ó longo do período 2007-2010 as temperaturas subirán entre 2,5 e 5,2 grados. Estamos liberando unha cantidade de CO2 que a atmosfera non é capaz de absorber. A consecuencia disto diminuirán os recursos hídricos, desaparecerán especies, aumentará a perda de materia orgánica no solo e se incrementará o risco de incendios.
-¿Cómo poden os cidadáns reverter ese proceso?
-A nivel global o máis importante é reducir a combustión de enerxías fósiles. Ten que haber un cambio a nivel do consumidor, pero sobre todo que as empresas e os gobernos cambien un pouco o chip de desenvolvemento e aposten pola sostibilidade. É necesario máis compromiso por parte das administracións para que os combustibles fósiles se deixen de empregar. Hai que apostar por un sistema de aforro enerxético e por un consumo racional. Temos que descarbonizar a economía.
-¿Detectades ese compromiso coa limitación das enerxías fósiles no Concello de Ourense?
-Nós fixémoslles varias propostas que pensamos que tería que levar adiante o Concello, sobre todo en canto a mobilidade, que debe tratarse doutro xeito. Hai que potenciar os transportes colectivos porque, por exemplo, se ve perfectamente que todo o mundo vai en coche ó polígono. De momento están receptivos e entenden que é necesario, non sei si prioritario, pero agora necesitamos saber si esa vontade que expresan a cumpren. Tivemos unha xuntanza cos departamentos de Mobilidade e de Medio Ambiente en setembro e mostraron a súa dispoñibilidade así que esperamos resultados.
-¿Non é suficiente o novo sistema de intercambio de bicicletas?
-Parécenos pouco porque séguese a considerar a bicicleta só como un vehículo de ocio. A nosa proposta é que se considere a bicicleta como un medio para ir a traballar, pero agora o sistema ten un horario que non é factible. Se empeza a funcionar ás nove da mañá a maioría da xente non o pode usar para ir a traballar.
-¿Está preparada a cidade para o tipo de uso da bicicleta do que fala?
-Non, e se queres promover as bicicletas tes que habilitar algo seguro para poder circular con elas porque agora moverse en bici por Ourense é un perigo. Ademais de ampliar o horario, se deben habilitar carrís-bici e deberían poñerlles luces as bicicletas porque serían necesarias para usalas polas mañás o pola tarde-noite.