Oitocentas persoas, setecentos kilos de carne, pregón, homenaxe e baile son as cifras e os protagonistas da oitava edición da festa gastronómica do Barco que se fai hoxe
19 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O de que é afrodisíaco é teoría do fabricante, José Pérez, propietario de Carnes y Embutidos Valdeorras, quen asegura que unha ración de botelo aporta a enerxía suficiente para desatar paixóns. Pero esta teoría seguramente non a comprobaremos hoxe no Barco, na festa que reunirá no pavillón do Instituto Condesa de Fenosa (o único con calefacción) a 800 persoas con prato e mantel dispostas a dar conta de 220 botelos e 900 chourizos, ademais das patacas e verdura que axudarán a rebaixar a dose de pementón. Despois, doces tamén feitos no Barco, con torta de roxóns da Panadería Santigoso e a torta de augardente elaborada por Lambone. Viño, licores varios e música para a sobremesa. Así é o plan dunha festa gastronómica que xa cumpre oito anos.
Onte á tarde quedaban 50 entradas das 750 que foran postas á venda e agárdase un cheo absoluto. O concelleiro de Cultura, Eduardo Ojea, recoñecía mentres colocaba as mesas, que tiñan gañas de quem, despois de tres meses de preparativos, chegase o día e todo saíse ben. O alcalde, Alfredo García, comentaba nunha radio local, que se o evento se mantiña por estes derroteiros habería que cambiar de pavillón para dar abasto á demanda. Os actos, comezan as 12.30 horas no Instituto Martaguisela co pregón e a homenaxe a unha pasteleira, Sinda Paradelo.
A receita
O curioso da gastronomía é que toma as lindes ó pé da letra e no caso do botelo, en Valdeorras pódese presumir case de exclusividade, e en moi escasos lugares. A pesares do lema que nos anos 70 foi popularizado en pegatinas para coches e que se retomou para esta festa («Do mar, o mero e do Barco, o botelo»), hai quen apunta a un préstamo dunha tradición que é máis propia dos pobos das montañas que da vila.
O historiador Isidro García Tato asegura que o botelo é propio de Santigoso, Lardeira, Casaio (en Carballeda) e tódalas aldeas do Marquesado de Rubiá (Real, Porto, Robledo...). Precisamente dunha destas aldeas, do Real, é natural o carniceiro que os elaborou para a festa de hoxe, José Pérez, quen asegura que segue a receita da súa bisavoa Pilar. Xa saben: lávase ben o estómago do porco e énchese de costelas, soá e cachucha adobadas con pementón, allo, ourégano e sal, afúmase durante 25 días con madeira de castiñeiro e carballo e de aí, á ferver na cazola («e non asados como fixo un cliente de Alacante», lembra José, quen exporta botelos por España e Sudamérica). Os de hoxe só levan costelas e con máis ou menos tradición, o caso é que O Barco e o botelo xa están unidos grazas a unha enorme festa e uns protagonistas na sombra que ben merecen unha mención, os douscentos porcos sacrificados para o evento.