Chega a Valdeorras a comedia «Noite de Reis» do Centro Dramático Galego e adaptada por Cadaval

Cristina de la Torre

OURENSE

07 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Se a adaptación da obra de Shakespeare que este venres poderemos ver no Teatro Lauro Olmo de O Barco ten a metade de entusiasmo, humor e sentido do espectáculo que o seu director, haberá que reservar entrada e rápido. Quico Cadaval presentou onte no Barco Noite de Reis ou o que queirades, e dá gusto. O dramaturgo galego destacou varias críticas xurdidas no traxecto dende a estrea da obra no pasado mes de setembro. «Un rapaz de Trazo dixo que non se divertía tanto dende o macrobotellón de Ordes». A impresión que causa entre a xente nova (e na de tódalas idades) é precisamente esa, a de divertirse, disfrutar e comprobar que Shakespeare «non é un ladrillo».

Noite de Reis é un «xogo de enredos, contratempos, malentendidos, enganos e desenganos» segundo a sinopse do Centro Dramático Galego, responsable da produción. Unha «comedia que trata da relación entre a estupidez e o amor» en palabras do propio Cadaval quen lembrou que as estupideces feitas en nome do amor son sen dúbida «as mellor valoradas».

E falando de valor, destacou varios nesta obra. Primeiro o elenco con moitos actores coñecidos pola televisión, entre eles «o mellor bufón do país», Víctor Mosquera. Tamén a música, interpretada en directo, igual que tódalas cancións. E por último a reacción do público. Di que o que sucede no patio de butacas resúmese coa faciana de satisfacción que os espectadores teñen á saída. «A comedia inventouse na Grecia clásica como medicina e nós bromeamos con que nos debía de contratar o Sergas, a xente sae máis guapa do teatro e con maior tendencia ó sexo». Por se acaso, non tomar isto último ó pé da letra. O resto, comprobarase o venres.