Con 22 gandeiros e 130 vacas das razas caldelá, rubia galega e vianesa arrancou a 25 edición da Feira do Gando da Terra de Caldelas. A súa novidade non é outra que o feito de celebrarse despois de seis anos pechada polo grave problema da brucelose nas explotacións gandeiras do Macizo Central. Un bo traballo sanitario acabou con aquela dor de cabeza que pegou forte na economía dos gandeiros da zona. O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez canal, xa dixo que esta edición «é unha satisfación e unha obriga estar aquí recuperando o mercado do gando pechado desde o 2001». Engadiu que a presenza da brucelose nestas terras é xa historia e o acto de onte supón un valor simbólico, dixo, «do cambio de tendenza no Macizo Central».
O conselleiro sinalou que o programa contra a enfermidade foi eficaz e que a consellería impulsa na comarca novos proxectos como o de Murriosa e Franqueira de Marruvio, introducindo 215 vacas de rubia galega nun pasteiro abandonado en Montederramo; as 2.000 cabezas de gando ovino e cabrún ou as da Cova con 130 cabezas de vacún na Poboa de Trives sen esquecer as iniciativas de San Martiño de Arriba e de Dehesa de Prada, en Manzaneda. E hai máis de 30 solicitudes de incorporacion de mozos ó campo nesta parte da provincia.
O alcalde de Castro Caldelas, Eladio Osorio, estaba contento de ter de novo a feira. «Agora poderemos continuar coas feiras ordinarias de gando do 3 e do 18 de cada mes. Imos intentar que participen os gandeiros e teremos unha nova xuntanza para ver como se resolven algúns problemas porque despois da brucelose a xente non ten a infraestructura axeitada para facer o transporte posto que non tivo a necesidade de traer o gando á feira», subliñou.
Boa noticia
«É unha boa noticia para toda a comarca, a mellor de todas, saber que está erradicada a brucelose», explicaba o alcalde de Montederramo, Antonio Rodríguez.
Na entrega dos premios non houbo desfile de animais pola razón de que agora críanse libremente no campo, non nos cortellos e non están amansados. «Costou mouto traer estes animais á feira porque andan no monte todo o ano fora, case non ven á xente e hainos que traer nos camións. Algunhas vacas son mansas porque se atan, están presas no cortello e ben, pero hai algunhas que costa moito transportalas. Chegounos ben. Non houbo ningún susto porque sabemos do asunto», dixo Manuel Devigo Álvarez.
Houbo bon ambiente animado polos sons da banda de gaitas Os Trabazos. Ás 11.30 pechábase a recepción de participantes e pasadas as 13.30 horas dábanse a coñecer os premios. Ó remate da feira comezaba un almorzo festivo a base de pulpo e carne ó caldeiro. Quentaba o sol e a vila estaba de festa no último día dos Remedios. Un sol que simbolizaba o feliz remate de moitos problemas para tantos gandeiros ourensáns nos últimos anos. Os premios nas tres razas ían desde os 180 ós 60 euros. Acompañábanse de trofeos de diversos deseños referidos ó mundo vacún.