OPINIÓN | O |
25 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.XINZO é espectacular, di un bo amigo chamado Amador. Un pode ir de viños a cotío e degustar o recendo do Barrio de Abaixo sen decatarse que atravesou a vila polo seu Decumenum orixinario, eixo urbanístico romano fundacional da antiga Civitas Limicorum e que según os arqueólogos de Patrimonio coincide coa rúa Outurelo (X. Carlos Romero Nieto), e onde a día de hoxe tamén, estanse a desenvolver os preceptivos traballos de cata arqueolóxica que ordena a Xunta antes de edificar no entorno da Igrexa Vella. O máis espectacular, nembargantes, é a cantidade e superficialidade dos restos romanos. Apenas trinta centímetros por debaixo do nivel da rúa actual aparecen muros, sillares, pavimentos, tellas, restos cerámicos, etcétera; e, sobor de todo, máis de 2.000 anos de espera a algunha mostra de consideración por parte da nosa institución municipal. Son tan superficiais como a total falla de sensibilidade e rigor patrimonial da que o noso Concello fai gala xa ó longo de máis de 20 anos de responsabilidades de goberno, deixando sempre este tipo de achádegos a mercede da agresiva promoción urbanística o que ven acomodando o seu expolio, soterramento e perda irrecuperable na meirande parte dos casos. É un imperativo moral e patrimonial de calquera Concello responsable artellar as fórmulas necesarias e axeitadas para que estes vestixios arqueolóxicos teñan cabida e divulgación parellas a unha xestión urbanística ordenada, sensible e racional. Ten que ser posible medrar de xeito responsable e respectuoso co noso patrimonio histórico e a súa divulgación, senón, algo está a fallar. Outra xestión é posible, que chegue a tempo é necesario para preservar a nosa cultura, a nosa identidade e o noso patrimonio histórico. Os novos problemas requiren novas e profundas solucións, o resto é discurso superficial e anquilosamento no século pasado.