Onte estreouse un documental sobre a revolta veciñal de 1989 Unha produtora audiovisual catalana asina unha visión humana e social do conflito
22 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.?oma unha historia de amor social e loita colectiva, coma unha ollada sentimental e humana ó recentísimo pasado, o documental «Allariz, aquel agosto do 89» encheu onte de emocións a casa da cultura da vila. Uns versos de Novoneyra -«Galiza, a forza do noso amor non pode ser inútil»- pechan unha cinta que onte se presentaba en Allariz -a proxección comezaba ó peche desta edición- e que poderá verse na Televisión de Galicia o vindeiro sábado día 30, no programa Galicia Documental. Con dezaoito anos máis e unha historia persoal e pública marcada pola revolta veciñal do 89, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana; o alcalde, Francisco García; concelleiros e veciños asistiron, como espectadores e protagonistas a un tempo, á estrea dun traballo audiovisual que leva sinatura catalana. Narra a mobilización popular que se produciu en Allariz entre agosto e novembro de 1989, ao levantarse os veciños contra o alcalde -daquela Leopoldo Pérez Camba, do PP- pola contaminación do río Arnoia e o esmorecemento do pobo. Aquela historia de peche na Casa do Concello e de unión veciñal fronte a un poder que se percibía inxusto, cativou a atención dun produtor catalán, Ferrán Llagostera. «¿Por que eu, que son catalán, fago un documental sobre un pobo de Galiza?» -cuestiónase na presentación oficial da cinta-. Eu son produto dunha época: o maio do 68, o facer o amor e non a guerra dos hippies, a explosión da democracia despois da morte do ditador: un progre. E un progre coma min a quen lle cae nas mans esta historia por circunstancias familiares¿ ¡entusiasmoume!». Unha visita a Allariz, fai un par de anos, para descubrir o pobo familiar da súa muller -unha vasca que sempre oíra falar dun lugar de Galicia de onde o seu avó partira cara a emigración-, permitiulle ó responsable da produtora catalana Centre Promotor de la Imatge facer unha segunda descuberta: a historia do Allariz do ano 89. Froito da casualidade Analizando con ollos profesionais os comentarios que lle chegaban sobre a transformación estética, social, económica e política daquel concello, Ferrán Llagostera implicouse nun proxecto que naceu dunha casualidade e dunha típica historia de emigración sen retorno. «Que ese berro de que o pobo unido xamais será vencido deixe de ser unha utopía ou un tópico ou un frase case treatral para converterse en realidade..., iso fascinoume dende o primeiro momento, porque neste pobo esa frase converteuse en realidade. A partir de aí tentei por todos medios posibles facer o documental e conseguino», afirma. O froito dese intento é un produto de 50 minutos de duración que percorre os antecedentes, o crecemento e as consecuencias dun conflito socio-político que en 1989 fixo estarrecer os alicerces das institucións democráticas e deixou ó descuberto determinados baleiros do estado de dereito ante situacións de crise nos concellos. O incumprimento da lexislación por parte do alcalde, negándose a convocar un pleno para debatir o estado de contaminación do Arnoia, deu pé á ocupación veciñal da Casa do Concello, un xesto reivindicativo que naceu como unha protesta máis pero que acabou sendo un peche de máis de tres meses.