Entrevista | Francisco García Suárez
17 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.? veciños de Allariz anovaron a confianza nas propostas do proxecto nacionalista para a vila, o que levou de novo a Francisco García a tomar posesión como alcalde por outros catro anos. -¿Semella que o BNG non acusa o desgaste de tantos anos de goberno? -Os resultados de Allariz son moi meritorios, porque levamos cinco mandatos e non só non baixamos senón que se gañaron 600 votos máis e un concelleiro. Iso dá a medida da confianza dos veciños no proxecto nacionalista. -Vostede citaba como premisas de futuro, antes do 27-M, toda unha chea de proposta para dinamizar a vila ¿ese é o obxectivo? -Traballamos nos dous grandes eixos nos que se inclúen estas propostas: benestar social e desenvolvemento económico. No primeiro suposto estamos a falar de equipamentos como o centro de día, apartamentos tutelados, rematar a cidade deportivo do Seixo, desenvolver unha política de vivenda social e inicidir en actuacións de servizos básicos, educación, ocio e deporte. -¿E na dinamización económica? -Imos incidir no desenvolvemento económico tentando crear emprego con iniciativas sectoriais. A ampliación do parque empresarial de Allariz, o centro outlet de moda impulsado pola Xunta que servirá de gran dinamización para a vila, as propostas que temos de novos equipamentos para o sector turístico ou o corredor temático do Arnoia serán iniciativas que incidirán na creación de emprego. -¿E o Val da Rabeda? -Esa será unha das actuacións estrela da Xunta e a nós tamén nos beneficiará. Un dos nosos obxectivos para este novo mandato é a dinamización das catorce parroquias do municipio e no caso da de Santa Mariña será a máis beneficiada por estar preto desta zona do Val da Rabeda. -¿Seguirán a desenvolver proxectos no sector primario? -En Allariz mantemos unha aposta clara por evitar o abandono dos nosos pobos e parroquias e estamos convencidos de que estas propostas e iniciativas no sector agrogandeiro son a base para recuperar o noso territorio e xerar riqueza. -¿De novo Allariz será o exemplo das políticas nacionalistas? -Nós puxemos en marcha hai anos un proxecto nacionalista para facer de Allariz un lugar atractivo para vivir e para xenerar emprego e riqueza. É un orgullo ser un referente para o BNG, como o é ter conseguido que os alaricanos recuperasen a súa autoestima. Iso é útil e moi positivo para todos.