Crónica | Exposición sobre o mundo das árbores en Xinzo Escolares do Rosalía de Castro da capital limiá estrenaron o plan de visitas á mostra que Caixa Galicia achega para mellor concienciar e preservar o medio natural
24 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Nestes tempos nos que todo o que se faga en favor do coñecemento e da protección do patrimonio cultural e natural é pouco, chegou a Xinzo a mostra fotográfica sobre o mundo das árbores e seus segredos, patrocinada pola Obra Social de Caixa Galicia. Os nenos do colexio Rosalía de Castro, de terceiro de primaria, disfrutaron engaiolados polas explicacións que lles deu Alfonso Rodríguez a carón dos paneis. María León, unha das profesoras destes rapaces, subliñou que dentro da materia de coñecemento do medio están traballando coa natureza galega «e teñen eses conceptos fresquiños. É un tema que lles interesa moito». No grupiño de escolares, Tania Montero estaba plenamente encantada. «Gústame a natureza, xa estudamos algo e aquí quero aprender un pouquiño máis». Para esta nena a árbore máis fermosa é o castiñeiro «porque gústanme moitísimo as castañas», dixo cun sorriso. Alba Moure tamén aprendeu cousas onte. «Estouno pasando ben, si». Non sabía decir que era o que máis a sorprendera nesta mostra ubicada na Casa da Cultura de Xinzo pero, eso si, non lle hai unha árbore que lle guste tanto como a cerdeira. Na casiña dos seus abós di que hai moitas árbores. «Hai cerdeiras e... ¿como é esa árbore que da as guindas? ai si, ¡a guindeira!, hai figueira, pereira». Tania quedou abraiada ao estudar os arbustos. «Coñecíaos pero non imaxinaba que eran así», sinalou. Víctor Sanmamed di que na casa da súa tía hai varias árbores e recoñece que cando van facer plantacións disfruta. A mostra ofrécelles unidades didácticas a xeito, segundo o nivel educativo ó que pertezan.