O BNG volve ás aulas

Ruth Nóvoa de Manuel
Ruth Nóvoa OURENSE

OURENSE

Crónica | Encontro dos nacionalistas Os aspirantes a alcaldes e concelleiros participaron onte nunha xornada de formación na que, entre outras cosas, recibiron nocións lingüísticas para falar con calidade

17 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

?ara gañar a carreira das eleccións é preciso entrenarse. Parece que iso o teñen claro no BNG. Onte houbo sesión de preparación para os titulares que, nos diferentes campos de xogo da provincia, disputarán o encontro do próximo 27 de maio. Nun entorno máis didáctico imposible -a facultade de Ciencias da Educación- os aspirantes a alcaldes e concelleiros nacionalistas, entre outros, pasaron a mañá formándose. Porque para exercer a política tamén hai que ir a clase. E porque, xa se sabe, o saber non ocupa lugar. Roberto Mera, secretario de acción municipal do BNG, e Mario López Rico, secretario de imaxe, exerceron de mestres. Con eles quedaba representada unha dualidade: non só é importante o que se di senón tamén como se di. Quizais por iso os asistentes ás xornadas formativas marcharon para casa con deberes. En concreto, con catro páxinas cheas de «algunhas recomendacións sobre a calidade lingüística». O BNG quere que os seus afinen coa linguaxe. Parece que un non só debe ser nacionalista senón tamén soar nacionalista. Exemplo: «Empregar o infinitivo flexionado». Así, os nacionalistas que aspiran a gobernar os concellos ourensáns non deben dicir «están fartos de reclamar» senón «están fartos de reclamaren», segundo consta na documentación que onte lle entregaron. Por suposto, tamén é fundamental, apuntan, eliminar españolismos e darlle prioridade ao léxico galego. Eso supón despedirse do antes tan bloqueiro «nembargantes» para decir «porén». O BNG tamén recomenda que os signos de interrogación e exclamación só se coloquen, na escrita, ao final da frase. E escoller o sufixo -aría como forma preferente. Para os nacionalistas consellaría soa mellor que consellería. Así, con deberes para casa, marcharon os participantes nunhas xornadas nas que non só se falou de como senon tamén de que. O candidato á alcaldía de Ourense, Alexandre Sánchez Vidal, clausurou o curso cunha lección de mitin. Imaxinación, eficacia, enerxía, transparencia... Esas son as xogadas coas queren gañar a liga electoral. O urbanismo, quedou claro, marcará a estratexia do Bloque na pretemporada. Polo que a Sánchez Vidal respecta, xa sabe que hai que dicir as cousas ben e dicilas bonitas. Onte asegurou que non poden ser responsables do feísmo urbanístico eses galegos que plantan roseiras ao lado das berzas. Ortografía... e poesía.