ANACOS | O |
16 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.CANTO máis se achega a semana de paixón e sofrimento máis van penando os que se xogan algo o derradeiro domingo de maio deste ano. E tamén se amosan novas prácticas e estratexias acordes cos novos tempos. A oposición ourensana, lonxe os tempos nos que se comparecía coas cartas sobre a mesa, non ten peito para facer un traballo serio de denuncia e control. Coma os cobardes, recurren a un propio para facer o traballo escuro e logo, eu non sei nada, comparecen con tódalas postas en escea precisa para reclamar xustiza, claridade e pezas a cobrar. Mala conciencia, e moito que agochar, deben ter os que non se atreven a facer aquilo que lle foi encomendado polos cidadáns e agardan meses coa escopeta cargada mentras non aparece o espantallo de turno para facer o traballo que eles non se atreven a desenvolver. Se esas son as propostas coas que pretenden convencer ós cidadáns non elexiron o mellor dos camiños. Pola contra, outros reclaman cursos acelerados de encaixe de bolillos para consumar o que lles pide o corpo, aínda que non sexa moi acaido á consideración xeral. Os nacionalistas chaman reiteradamente a atención sobre as beiras que lle está facendo Baltar e o PP á alcaldesa de Porqueira -«o paradigma do transfuguismo» segundo o BNG-. A Baltar pídelle o corpo levar á alcaldesa de Porqueira como cabeza de lista do PP, e a ela non lle doen prendas en asegurar que nestes catro anos se con alguien contou para poder sacar adiante o concello foi cos concelleiros do PP e co compromiso e apoio de Baltar. Mais o patrón popular no Estado, antigo vicepresidente da Xunta e histórico de AP, xógase moito nas eleccións e promete medidas exemplarizantes contra o transfuguismo. E Baltar sabe que non lle convén, agora menos ca nunca, ter problemas con Rajoy.