ANACOS | O |
09 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.NAS terras da Serra Martiñá, onde o inverno e fero como a boca dos escasos lobos que aínda sobreviven pola montaña entre Ourense e Lugo ou como en tempos eran as poutas dos osos que campaban polo couto de Oseira, a inflluencia da igrexa foi durante séculos todopoderosa. Retornados os monxes á reconquista do mosteiro, volveron exercer o seu poder na zona e un papel tutelar e redentor para moitas das familias da comarca e para os seus fillos. En épocas de escasez e fame o mosteiro, o seminario ou a vida relixiosa en xeral, foi a canle de salvación para moitos veciños da zona e para as súas inquedanzas personais. Das terras de Oseira partiu un día un rapaz para abrazar unha vocación que o fixo crego e, pasado o tempo, o levou a América para desenvolver o seu particular apostolado. Mais a Gumersindo Meiriño non lle fan conta agora os seus compañeiros polo traballo desenvolvido nestas décadas e si por namorarse e terse casado en Corrientes -esa provincia que diu nome a unha rúa e a un tango que soa na noite dese Bos Aires noctámbulo e inmortal- con María Goli, unha colaboradora do seu programa pastoral, sen agardar a que lle concedesen a dispensa papal. Agora a igrexa, que sigue sen escoitar a voz deses dos que di estar preto e que lle están a reclamar -sin resultado- que se anove e afronte o futuro con coñecemento de causa, vai elevar pregarias para que Gumersindo Meiriño volva ó rego e exerza o sacerdocio «en plena comuñón coa Igrexa». Mentras, os arxentinos de Corrientes queren ó Padre Gumer polo grande traballo desenvolvido nestes anos e polo sacrificio amosado por un crego que cando era un rapaz saiu das terras de Oseira para axudar ós demais co seu esforzo. E iso é o verdadeiramente importante, lonxe de fundamentalismos ideolóxicos de calquera tipo.