En canto á mellora das vías de comunicación con outras provincias limítrofes, a Consellería de Política Territorial inclúe nos orzamentos do 2007 unha serie de obras que servirán para vertebrar a provincia e mellorar o transporte. ?undamental é a autoestrada Dozón-Ourense. A consellería ten prevista a posta en servizo dun dos dous treitos en que se divide a actuación en abril do 2007. O tramo Santiago-Ourense iníciase en Dozón, na unión co treito anterior da autoestrada Santiago- Alto de Santo Domingo, e terminará no concello de Toén, na parroquia de Feá, onde se realizará o enlace coa A-52. Esta actuación diminuirá a lonxitude do percorrido actual nun 10% e suporá un aforro no tempo de percorrido de 30 minutos. Actuarase tamén na OU-504, que une os concellos de Ribadavia e A Barrela (en Lugo), no treito comprendido entre Cea e o límite da provincia ourensá. Con esta actuación preténdese comunicar a A-52 desde Ribadavia, pasando por O Carballiño, coa futura autovía Lugo-Ourense. No límite coa provincia de León, a Xunta mellorará a estrada OU-622, e no treito Cortegada-Filgueira construirase unha nova ponte sobre o Miño: supón a posta en marcha da última fase da estrada OU-531, que une Xinzo da Limia con A Cañiza, a través de Celanova. A actual ponte sobre o Miño ten limitada a tonelaxe de vehículos que discorren por ela polo que se fai necesaria a construción dunha nova. Outra das actuacións que se porán en marcha no vindeiro ano dentro do plan de permeabilidade impulsado desde a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte é a construción dunha nova estrada entre Castro Caldelas e Monforte. A obra comezará no mes de febreiro de 2007 e custará 4,3 millóns de euros. De cara o próximo ano construirase unha estrada que unirá Bande e Celanova coa A-52 e con Portugal. Os orzamentos destinados a esta nova vía ascenden a 97 millóns de euros.Tamén está previsto un enlace con Viladervós. É a primeira parte da actuación sobre a estrada que conecta con Bragança na fronteira portuguesa.