A Xunta aposta por fomentar a accesibilidade das comunicacións en Ourense O departamento que dirixe María Xosé Caride ten previstas actuacións de acondicionamento en diversos puntos da rede viaria da provincia
30 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte vai por en marcha unha serie de actuacións encamiñadas a mellorar a mobilidade de cidadáns e mercadorías na provincia de Ourense facilitando así o fluxo económico e social entre zonas limítrofes e comarcas veciñas. Unha comunicación que, explican desde a consellería, ata agora foi moi deficitaria. Adaptación da estrada OU-113 entre Verín e Vilar de Barrio á rede de Baixa IMD. Esta actuación dispón dun orzamento de 5,11 millóns de euros e levarase a cabo en 38 quilómetros da vía. Seis metros de ancho será a mínima lonxitude da calzada, e onde se poida ampliarase ata os sete metros ou máis. Acondicionamento da estrada OU-114 entre Caldeliñas e Campobecerros. As obras terán lugar en 19 quilómetros de vía. Esta nova estrada dará acceso ao parque natural do Invernadoiro. Os traballos de mellora consisten na ampliación da calzada a sete metros, unha nova capa de rodadura e medidas para suavizar o trazado. Acondicionamento da estrada OU-304 Xinzo de Limia-Baltar. Trátase de obras no primeiro quilómetro na estrada de Xinxo de Limia que contan cun presuposto de 1,3 millóns. Reformarase a plataforma da calzada dotándoa de pasos peonís e zonas de protección que permitan a mobilidade dos peóns con seguridade. Actuación na estrada OU-411 Bande-Condado. Consistirá nunha actuación de acondicionamento de estradas, dotándoa dun mínimo de seis metros de ancho, renovando o firme e mellorando a seguridade viaria dos usuarios. Implica unha actuación ao longo de 21,17 kilómetros e o orzamento final da obra é de 3.066.009,90. Acondicionamento da estrada OU-212. Actuarase en oito quilómetros entre Beade e A Ermida no treito de Alto do Couso-Avión. Nova estrada de conexión entre o polígono industrial de San Cibrao das Viñas e a N-525. Esta nova obra supón a construción de 1.092 metros de estrada que une a nacional ca zona industrial. Contará con catro carrís: dous de entrada e dous de saída. Suporá unha mellora moi importante para o tráfico do polígono de San Cibrao, que nestes momentos conta cun acceso de escasa capacidade e moi saturado que limita, en parte, a operatividade das empresas e condiciona o desenvolvemento do propio parque empresarial. Enlace entre a estrada nacional 120 coa glorieta de acceso ao polígono de O Barco de Valdeorras. Realizarase un doble enlace entre a estrada de titularidade nacional N-120 e a glorieta que da acceso ao polígono industrial de O Barco, cun paso subterráneo sobre a N-120. Coa construción desta obra suprímese todo o tráfico pesado que ten como inicio ou fin do itinerario o polígono e que ata agora colapsaba o casco urbano de O Barco de Valdeorras. Esta obra está xa en fase de execución e a vía será previsiblemente posta en servizo no verán do 2007. Terceira fase da circunvalación este de Ourense. O treito que vai de Rairo a Benposta conta cun orzamento de 2,15 millóns de euros para o 2007. Acondicionamento da estrada OU-533 entre Freixido e A Rúa. Esta actuación implicará a mellora da accesibilidade na comarca de Valdeorras coas comarcas de Viana e Conso Frieiras e coa autovía A-52. Acondicionamento da estrada OU-101 entre A Granxa e o Parque Tecnolóxico. Construirase unha estrada con outro trazado. Suporá un novo acceso ao Parque Tecnolóxico pero tamén aos polígonos de San Cibrao e Pereiro e ao cemiterio de Santa Mariña. Contará cun orzamento de máis de dous millóns de euros, dos que 122.750 se invertirán o próximo ano. Intervención na OU-402 entre Feá e Castrelo de Miño. Suporá a mellora das comunicacións das poboacións da marxe esquerda do río Miño. O paso seguinte será conectar esta estrada á altura de Castrelo construíndo unha nova ponte sobre o río Miño e enlazando coa A-52 en Valdepereira.