Vinte anos perdidos

OURENSE

SANTI M. AMIL

Crónica | Reforma de espazos públicos en O Carballiño O Concello aposta pola peatonalización e recuperación do entorno da casa consistorial logo de rexeitar, en 1983, o proxecto de Fernando Blanco e Luis Borrajo

06 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

?firmaba o pasado día 1 no cemiterio de San Francisco o escritor e director de Galaxia, Víctor Freixanes, que o tempo pon a cada un no seu sitio e que remata por facer xustiza. Unha máxima que el aplicaba ó traballo e á obra de Eduardo Blanco Amor e que ben podería ser empregada para unha das actuacións que se están a desenvolver hoxendía no Carballiño: a execución do proxecto de peatonalización da Praza da Constitución e a súa incorporación como espazo vencellado ao propio Concello -por certo, donde se anunciou que onte se ía inaugurar un busto en homenaxe a Aquilino Sánchez, alcalde fusilado na guerra civil. Para outra vez será-. Hai máis de vinte anos, no outono de 1983, o Concello do Carballiño tiña en execución un proxecto asinado polo arquitecto Fernando Blanco, e no que participaba o escultor Luis Borrajo, para recuperar e dar valor a unha zona que sempre estivera abandoada e se convertira nun espazo residual da vila logo de permitir edificacións como as torres da Cheda e detrás da propia casa consistorial. A intervención de Fernando Blanco estaba naquela altura coa creación da fonte de pedra que se situaba onde hoxendía arranca a rúa Faustino Santalices e incluía actuacións na praza da Constitución -cun dobre valado de peche á xeito de recinto castrexo- e a remodelación da praza da Cheda, zona convertida nun espazo residual logo da escala e o volume de construcción permitido na Cheda. A intervención arquitectónico-escultórica de Fernando Blanco e Luis Borrajo, ca súa árbore metálica, integraba todo o espazo existente desde a Fonte do Cárcere á rúa Aldara e a praza do Cercis e aportaba ó Carballiño un espazo peatonal restrinxido ó mínimo o tráfico. Especulación e ignorancia Naquela altura un grupo de veciños, alcumados Os Sufridores, e algúns dos propietarios con propiedades na zona iniciaron as movilizacións, denuncias e presións para botar abaixo un proxecto pioneiro, innovador e armónico, que conxugaba arquitectura e arte, que estaba dirixido a facer desta zona un lugar de referencia dentro da vila do Carballiño. O resultado, logo de debates, mesas redondas, protestas e decisións políticas, foi a materialización de parte das obras -basicamente o valado de pedra e a escultura de Borrajo na Praza da Constitución- e o derrubo dunha boa parte das actuacións xa desenvolvidas. Agora, 23 anos despois, o Concello do Carballiño está a demoler as escasas pegadas daquel proxecto exemplar, que nunca se chegou a executar na súa integridade, para facer do tramo entre Faustino Santalices e Aldara unha zona peatonal de esparcimento xunto ó Concello. O que Blanco e Borrajo propoñían a comezo dos anos oitenta.