Crónica | Encontro de poetas en O Carballiño O público respaldou onte a cita literaria do colectivo cultural Avantar, que tamén serviu para acordar unha próxima edición desta actividade na zona lusa de A Raia
26 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.? dito popular sentencia que o viño solta a lingua, e no colectivo cultural Avantar de O Carballiño prézanse de coidar moito da sabiduría dos antergos. Por iso dende a década dos 70 -e salvo algunha corta época de seca- organizan encontros en tabernas nas que, ao carón do bo viño ourensán rememoran a espontánea tradición de contar historias e compartir sentimentos en verso ou en prosa. Chámanlle «Tasca e Literatura» e baixo tan ocorrente nome téñense xuntado nomes como o de Manuel María, Yolanda Castaño ou Xosé Carlos Caneiro. Onte a mediodía tivo lugar unha nova cita -o ritmo habitual é de catro por ano- e no local A Adega, no barrio de Flores carballiñés, rexistrouse unha das citas máis participativas dos últimos tempos para escoitar a Víctor Viñal, Belén Andrade e Víctor Gulías. Nesta ocasión estiveron acompañados por dous poetas lusos -José Manuel Barbosa e Concha Rodrigues- e do encontro saíu tamén o compromiso de reeditar esta cita na zona de A Raia. Non foi a única sorpresa. Ao remate do encontro, que durou preto de dúas horas, propuxéronse un poema comunitario. A idea gustou incluso ao público, que participou para confeccionar unha creación chea de emoción e sentimento na que se falaba da propia identidade como pobo. Tamén houbo novidade no agasallo que se entrega aos participantes, que tradicionalmente é un ramo de toxo. Nesta ocasión foi un ramallete máis propio da época, con loureiro, flor do Nadal e crisantemos.