De Celis xa repousa en Villaquilambre

Jesús Manuel García OURENSE

OURENSE

SANTI M. AMIL

Crónica | Exequias do alcalde de Bande

14 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Amador de Celis Suárez, alcalde de Bande, xa repousa no panteón familiar de Villaquilambre, perto de León, onde na tarde de onte se fixo o enterro. Foron moitas as persoas que durante todo o luns e a primeira hora de onte pasaron polo velatorio a dar o seu pésame. Ao mediodía de onte na vila sumida no frío en cun silenzo somentes roto polo son das campás, celebrouse o funeral. «Nunha semana Bande perdeu ás dúas persoas máis importantes, o cura e o alcalde», decía o pai do sacristán, que tiraba das cadeas das campás no portal da igrexa. Ás doce e cuarto chegaba a comitiva. Dous coches fúnebres cheos de coroas e o cadaleito, levado aos ombreiros polos membros de Protección Civil. Coa familia ían veciños, o vicepresidente da Deputación, os membros da corporación de Bande, os alcaldes de Celanova, Verea, Calvos de Randín, Lobeira e Lobios, concelleiros da comarca, a delegada de Presidencia, Concepción Camiña, e outros homes da política como Daniel Barata ou da cultura como Rodríguez Colmenero. Na igrexa barroca concelebraron catro cregos en galego. Alomenos cinco persoas que tiveron que sair do templo en plena misa por culpa do teléfono móbil. Amador comprara sepultura en Bande, gustaballe ese cemiterio. Pero seus sobriños levárono a soterrar a León. «Este noso alcalde conseguiu arreglar moitas pensións para a xentiña», comentaba un home. Amador chegou de mozo a Bande, decía que estaría pouco tempo pero afincou alí onde foi alcalde durante 23 anos. «O seu final non se lle desexa a ninguén e como político prefería derrotalo nas urnas», sinalou o edil do BNG, Luis Ángel Sánchez. «Dame pena porque foi o alcalde de Bande. Antes só viamos unha parte pero agora sabemos que o que pasaba era que o home estaba enfermo», dixo a señora Teresa. «Non se metía con ninguén e tantas calumnias que lle levantaron. El, se últimamente non governaba, peor era para el», engadiu Elena. Desde onte hai dez días para escoller novo alcalde. Todo parece indicar que poderá ser José Mota, pero na vila dise que poden pasar cousas. Mota leva actuando como rexidor en funcións desde fai meses.