TRIBUNA ABERTA | O |
25 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O DÍA MUNDIAL da arquitectura distinguiu na nosa cidade ao edificio situado na esquina formada polas rúas Cardenal Quiroga e Paseo, no seu día rúas de Alba e Calvo Sotelo, respectivamente. Trátase dun edificio deseñado por dous excelentes arquitectos, autores do proxecto e directores da obra, don Antonio Alex Reinlein e don Mariano Rodríguez Sanz, que polos anos da posguerra civil xa tiñan estudio de arquitectura en Ourense. Nada que obxectar ao respecto da distinción concedida polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, mais tamén hai que significar que non se trata precisamente dunha das súas mellores obras e pola mesma non pasarían á posteridade como extraordinarios profesionais. Ben coñecida é aquela expresión que Horacio inmortalizou na súa Arte poética: «Quandoque bonus dormitat Homerus», «Ata o bo Homero dorme de vez en cando»; é dicir, que ata un dos máis grandes poetas ten a súas imperfeccións e, polo tanto, calquera ser mortal. O certo é que o devandito edificio premiado ou distinguido, non representa un exemplo dos máis afortunados do entorno onde se empraza, nin ten nada que ver cos edificios modernistas, ou de estilo ecléctico, da súa proximidade. Non hai máis que fixarse nas casas veciñas para decatarse inmediatamente de que non dialoga coas mesmas. Nin co edificio da familia Conde, deseñado por don Manuel Conde Fidalgo, nin co que alberga Caixanova, nin co que foi antigo Hotel Miño da autoría de don Daniel Vázquez-Gulías, por citar algúns ben achegados, xa que logo o devandito edificio non encaixa por máis que se queira distinguir ou que se trate de grabar, porque non deixa de representar o paradigma do feísmo urbano ourensán. Confirmo o que se indica por parte do autor das notas publicadas nos medios de comunicación, acerca do Día Mundial da Arquitectura, de que aos ourensáns contemporáneos coa edificación nos parecía algo estraña a anacrónica co entorno. Pola miña parte confirmo a paladina confesión dese feito real que sucedía no tempo da súa construcción. En opinión do meu pai, José González Paz, experto e acreditado teórico e práctico da construcción, tratábase -según lle oín dicir- dun edificio, fora de lugar, imitando o estilo alemán da época, o Bauhaus, que coincidía co dominio dos nazis no poder e co comezo da Segunda Guerra Mundial, e en España estaba moi de moda todo o relacionado con Alemania, ata o punto de que os estudiantes de bacharelato que optaban polo francés elixían como segundo idioma o alemán. O edificio representaba, naquel tempo, un exemplo de búnker situado no máis representativo do novo Ourense, e con utilización de materiais que nin estaban de moda nin eran os máis adecuados. É posible que naqueles tempos respondera súa construcción á necesidade de afrontar as esixencias socio-económicas do momento, e por iso trata de eliminar todo ornamento que lle ligue co pasado, o que lle da ese carácter racionalista, pero iso non é óbice para seguir opinando ao respecto da súa desubicación e do seu feísmo. Foi a primeira vez que na fachada dun edificio de Ourense non se utilizaban para o revestimento exterior a pedra de granito, mal precedente que sentou un lamentable exemplo a seguir. O feito de ser o único representante deste estilo xa indica bastante. Ninguén tentou imitalo como paradigma de estética. Por algo sería. E como suxerencia poño á consideración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia que en Ourense teñen un edificio exemplar, a mellor construcción de arquitectura civil da cidade que é o actual Instituto Otero Pedrayo, na rúa do Padre Feixóo. A súa fachada principal foi deseñada polo arquitecto Antonio Crespo López que lle deu ao edificio a «maior singularidade e nobleza», tal como estaba interesada a Deputación Provincial en 1891.