ANACOS | O |
19 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.ATA o de agora a política en materia de vivenda e de parques empresariais era unha competencia da Xunta de Galicia. Mal que ben, algunhas veces máis mal que ben, as consellerías de turno sacaban adiante os proxectos para facer un bloque de vivendas sociais aquí, un pequeno parque empresarial alá, uns pisos acolá, e así tentando artellar a provincia de tal xeito que se correxise o desequilibrio comarcal. Xa se sabe que o interior está afectado irreversiblemente pola fenda coa franxa costeira e, á súa vez, o interior tamén está marxinado entre si -nun segundo nivel- no que se refire á cidade e as grandes vilas con respecto ós pequenos concellos. Esas actuacións estiveron nos últimos anos baixo a supervisión de Política Teritorial e organismos como Xestur e o IGVS -e no caso de Xestur con notorio proceso de «quebra técnica» como se lembrou durante meses-. Agora imos estar de noraboa na provincia. E non por nada, senón polo anuncio da Deputación de explorar novas vías de acción e de dinamización da provincia, que se traducirán logo en proxectos de construcción de vivendas sociais, parques empresariais, rehabilitación de cascos históricos para o turismo e accións similares. Non sei, mais dame a min que Ourense vai ser a envexa do resto de Galicia e do Estado. Nunha provincia como esta vai haber un organismo de carácter autonómico, a Consellería de Vivenda, responsable da construcción de vivendas, solo industrial e demais e outro de carácter provincial, a sociedade que vai crear a Deputación de Ourense, que fará o mesmo só que en versión máis de andar por casa -tipo Inmobiliaria Deputación SA ou algo polo estilo-. Ou sexa, que os cidadáns que non podan acceder a un piso da Xunta ou a unha parcela industrial seguro que dan o baremo para os da Deputación. Xa se sabe, coa competencia gaña o cliente.