Paseando Galiza

LUIS MARTÍNEZ-RISCO DAVIÑA

OURENSE

CALPURNIA

12 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

ASEVERAN os clásicos, polo que algo de verdade haberá no que eles transmiten, que para amar un país cómpre coñecer á terra e ás súas xentes. E que a mellor maneira para adquirir ese coñecemento é camiñar paseniño. Parando para admirar a paisaxe, contemplando como os devanceiros foron domando o territorio para adaptalo ás súas necesidades, preguntando aos vellos polas singularidades do lugar. Un souto, un carballo centenario, un conxunto de horreos, unha fonte de auga sempre máis fresca e mellor que a das outras aldeas... Son algunha das sorpresas que agocha esta nosa terra polos milleiros de camiños e corredoiras que atrevesan a súa xeografía, agardando que pasemos por eles e fiquemos marabillados pola súa amorosa fermosura. Aínda o é. A pesares da sen razón e da babarie do lume destrutor que atentou contra ela, contra todos nós. Sería bo que as novas xeracións paseen polos camiños milenarios enchoupándose da súa beleza. Un labor didáctico que con certeza contribuirá a implicar aos novos coa terra e que a traten mellor do que nós fixemos.