ANACOS | O |

28 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI verdades tan abafantes que non fai falta anotalas á marxe. Unha destas saiu onte da boca do delegado da consellería de Medio Rural en Ourense. Rodríguez Cid dixo, palabra arriba ou abaixo, que o cometido dos responsables da Xunta é promover e apoiar proxectos que deberían estar dinamizando este país e desenvolvendo medidas de aproveitamento e de creación de riqueza en sectores que hai tempo están abandoados. Os «proxectos singulares» presentados onte por Anxo Quintana e Alfredo Suárez Canal son 43 iniciativas de emprendedores que apostan polo medio rural e por poñer en valor iso que ó mellor, como lembrou o conselleiro de Medio Rural en Porqueira o pasado sábado, non está moi ben visto na actualidade por parte de moitos dos habitantes desta comunidade autónoma que esquecen que hai nada -unha, dúas ou tres xeracións atrás- os seus ancestros moraban nesas aldeas, parroquias ou lugares nos que hoxe campa o xabarín e o fento. Os herdeiros renegados do angazo son a pior filoxera para a súa propia estirpe. O interior galego, de forma salientable o da provincia de Ourense, será agora testigo privilexiado desta nova aposta -¿a última?- por conseguir un reequilibrio territorial e económico que tantas décadas levamos agardando. Os colonos deste tempo serán emprendedores que apostan por demostrar que o rural galego ten futuro e que aquilo do que moitos renegaron en tempos -o gando, a producción leiteira, a recuperación do cabalo galego, a cría de razas autóctonas de vacas cachenas ou doutra tipoloxía- servía para xerar recursos para vivir con dignidade e cun horizonte de futuro sen sombras no horizonte. Só nos queda agardar que, como di o delegado, iso non sexa unha excepción que se convirta en un acontecemento noticiable para este país.