ANACOS | O |
07 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.CANDO o señor que aínda anda estampado polas paredes dalgunha das rúas deste país non miraba as árbores por debaixo, mellor dito a prancha de bronce que o tapa, había nas tendas e nos supermercados -ultramarinos se chamaban daquela- unha xenebra envasada nunha botella que chamaba a atención polas súas formas curvas e pola grande etiqueta sobre fondo branco que facía salientar o seu nome comercial: Focking. A Focking era unha xenebra de batalla que hoxendía sería a mellor opción para o botellón do parque Barbaña -para unha minoría, xa que quedou claro na estatística do Sergas os rapazas ourensáns prefiren o vodka no que a bebidas se refire-. Co seu estilo irónico de revisión e adaptación Los Fabulosos Cubatas de Focking Brothers acaban de pasar por Ourense, como sempre de forma «clandestina», sen publicidade e cos seus fieis que petan o Miudiño cada vez que recalan nel os artistas coruñeses -por poñer algo porque xa sabemos que Ferrol non é As Pontes, e moito menos Canido; e xa non digamos A Fonsagrada-. Nuns tempos nos que acaparan a atención empresas creadas con fondos de dubidosa procedencia para darlle saída ó inexistente e persoaxes sociais que teñen bastante máis delitos ás costas que moitos dos internos do Pereiro é un luxo poder disfrutar dun humor intelixente para lembrarnos que Niki Lauda non conducía un Renault 5 Copa Turbo, mais podía ser, que as «chuletas/ pa comer/ as trouxo o meu veciño/ de alá do Carballiño», que a homenaxe a artista galega máis internacional era -con xustiza- para Mercedes Peón e que máis vale facer a revisión sarcástica dos éxitos dos 70 que aturar ós líderes políticos grises e curtos de miras que nos tocou en sorte. O dito, que máis Focking e menos ladrillo que para catro días que se viven, tres en Portugal, non paga a pena deixar que nos amarguen a existencia. Saúde.